DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro solidario terá lugar o día 13 de maio no pavillón de deportes

Estudantes e docentes cambian a aula polo balón nun partido benéfico por Haití

Na iniciativa participarán tamén ex xogadores de primeira división

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 05/05/2010

Un euro por Haití é o título da campaña solidaria que veñen de pór en marcha a Vicerreitoría do campus de Ourense e a organización Unicef co obxectivo de recadar fondos para este país das Antillas. A iniciativa consistirá na celebración dun partido solidario o día 13 de maio ás 19.00 horas no pavillón de deportes do campus e no que participarán estudantes, profesores “e temos confirmada tamén a presenza dalgúns ex xogadores de primeira división, sobre todo do Deportivo” segundo adiantou Rodrigo Alberte, técnico do Servizo de Deportes do campus, no acto de presentación da actividade aínda que non quixo desvelar ningún nome. As entradas para o encontro custan un euro, un prezo que Nuria Diéguez, representante de Unicef, cualificou de “moi accesible para permitir que os estudantes e toda a sociedade en xeral poida colaborar con nós nesta campaña solidaria”. Nuria revelou a esperanza da organización á que representa de “recadar o máximo número posible de euros” e dixo tamén que todos os cartos destinaranse integramente ao proxecto.

Un dos países máis pobres do mundo

Nuria Diéguez explicou que Haití é na actualidade un dos países máis pobres do mundo e dixo tamén que a organización benéfica Unicef leva moitos anos desenvolvendo un importante labor na zona. Segundo as súas palabras, “o país quedou nunha situación moi triste despois do terremoto polo que estamos a traballar para crear un operativo que cubra ou palíe na medida do posible as necesidades básicas dos nenos, un dos colectivos máis castigados pola catástrofe”. A representante de Unicef agradeceu así mesmo a implicación da Universidade de Vigo o seu apoio a esta iniciativa “porque permite que a nosa organización chegue aos estudantes e á sociedade en xeral a través do deporte”.
Os promotores da iniciativa animan a todas as persoas a asistir ao encontro. Rodrigo Alberte explicou tamén que todos aqueles que non vaian ao partido poden colaborar coa campaña recadando un euro entre amigos e familiares e ingresando eses cartos no seguinte número de conta de Caixanova: 2080 0260 81 0040076933.