DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de pósters nos que dan a coñecer as súas liñas de traballo

Estudantes de doutoramento presentan os seus proxectos na Semana de Investigación do Campus Crea

As súas propostas permanecen expostas na EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/02/2023

Dar visibilidade aos estudos que se desenvolven en diferentes programas de doutoramento e favorecer, á súa vez, o contacto entre investigadores e investigadoras de diversas áreas. Estes son obxectivos da Semana de Investigación do Campus Crea, unha actividade que arrancou este luns coa presentación por parte de sete estudantes de posgrao dos pósters nos que resumen as súas liñas de investigación e que permanecerán expostos ata este venres na Escola de Enxeñaría Forestal. Con traballos que abranguen desde as aplicacións artísticas de produtos xerados con especies invasoras, a creación dun papel alimenticio a partir dunha alga, ata os efectos dun programa de exercicio físico e cognitivo en pesoas con párkinson, o obxectivo desta iniciativa é “favorecer que se dean a coñecer as investigacións que se están a facer no campus”, á vez que contribuír a que poidan “buscarse sinerxías que poidan dar lugar a novas ideas”, como salientou a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto.

Dirixidas tamén a que o alumnado de doutoramento se enfronte tanto á elaboración a un dos formatos habituais de presentación de estudos en congresos, como a súa propia defensa, as xornadas arrancaron este luns coa presentación dos diferentes, nun acto no que participaron Fernández Souto e o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres. “É importante que na Universidade saibamos o que se está a facer”, salientou a directora do Campus Crea, que lembra nese senso que a “interdisciplinariedade” é o sinal de identidade tanto do proxecto de especialización como do programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, polo que este tipo de iniciativas, “poden ser moi interesantes mesmo para dar lugar a novos proxectos”:

Proxectos de diversos ámbitos

Como unha oportunidade para “visualizar o traballo e a importancia da súa temática” valora esta actividade Jessica Rodríguez, que presentou nesta xornada un póster que recolle os principais resultados do seu traballo de fin de mestrado, que son a súa vez o punto de partida da tese que desenvolve no programa de doutoramento en Equidade e Innovación en Educación e que centra “na detección de ideas previas do alumnado nos proxectos de ciencias da natureza”. Ao mesmo tempo, nestas xornadas poden coñecerse tamén traballos como o da investigadora do grupo HealthyFit Karina Pitombeira, centrado en investigador o efecto en pacientes de párkinson dun programa de exercicio que combina as tarefas físicas e cognitivas, que foi presentado nesta actividade pola profesora de Fisioterapia Iris Machado, codirectora do seu proxecto.

Alumna do programa de doutoramento do Campus Crea, a investigadora do grupo dx5 Antía Iglesias deu a coñecer, por outra banda, unha liña de investigación na que afonda en “como facer arte desde a ciencia e ciencia desde a arte”. Non en van, entre os obxectivos da súa tese figura o “aproveitamento artístico” dos residuos derivados da extracción de catro “especies ecoloxicamente invasoras” presentes nos bosques de ribeira do Umia e coas que traballou no desenvolvemento “dun material pensado tipo papel e dun pigmento co que obter tintas para estampación”.

Protagonismo para Belas Artes

Xunto a estes proxectos, esta semana permite tamén coñecer catro proxectos que se están a desenvolver no doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, como o que Alberte Conde centra na “creación plástica común de parellas de artistas”, co obxectivo de “atopar puntos de encontro e afinidade” nas influencias de parellas de creadores e creadoras contemporáneos. Estudante tamén do doutoramento da Facultade de Belas Artes, Carlos Fernández centra a súa investigación no pregue na pintura, na “ruptura da bidimensionalidade do cadro” e no papel que xoga a “relación do soporte coa pintura” na creación contempóránea. Así mesmo, tamén se enmarca neste programa de doutoramento a investigación que Eulogio Rosales centra na obtención dun “papel alimenticio” a partir da alga Ulva spp., a coñecida como “leituga de mar”. O seu obxectivo, explicou, é explorar tanto como ese papel “pode entrar dentro da arte”, como o seu posible uso “na alta gastronomía galega”, neste último caso, a través do proceso de "experimentación" que desenvolverán co restaurante Culler de Pau, do Grove.

Por último, esta actividade completouse coa presentación do “póster pouco académico” no que o tamén investigador de Belas Artes José Eiras presentaba unha interrogación cuns códigos QR ocultos. O seu propósito, sinalou, era plasmar a “incógnita” que centra a súa tese, “a dúbida que se transmite ante a presenza dunha obra de arte”, eixo dunha investigación na que afonda en “como transmitir o contido contextual” que faga posible “que unha obra poida ser gozada e entendida”.