DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes da Escola de Enxeñería Industrial poñen rumbo ao CERN

Un grupo de alumnos e alumnas organizan unha viaxe académica ao centro de investigación suízo

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 21/05/2012

Non son tan habituais coma as viaxes de fin de curso, pero hai grupos de estudantes que, movidos polo interese pola ciencia e a formación, organizan excursións académicas. Un exemplo é a visita que realizará un grupo de 47 alumnos e alumnas de 4º e 5º da Escola de Enxeñería Industrial no vindeiro mes de xuño ao CERN, Centro Europeo para a Investigación Nuclear. Acompañados dos docentes David Patiño e Alfonso Caneiro partirán rumbo a Xenebra o día 8 para coñecer estas instalacións punteiras e aproveitarán tamén para visitar a sede da empresa Airbus en Toulouse, Francia. Segundo eles mesmos explican a través dun dos seus representantes, David Rodríguez, “pareceunos moi interesante a idea de visitar un centro de investigación do que se está a falar tanto nestes meses polas recentes achegas”. A viaxe utilizarana para ampliar aos seus coñecementos especialmente en física, “un campo no que durante a carreira non se afonda ata este extremo”. Con todo, eles son conscientes de que “non é moi habitual ter excursións académicas, e moito menos desta magnitude, polo que ver o resultado práctico dos nosos estudos cremos que será moi proveitoso”.

Esta viaxe ten lugar nun ano no que as investigacións e logros do CERN están a ter unha gran difusión mediática, entre eles os traballos sobre a velocidade do neutrino ou o descubrimento do Bosón de Higgs que, os investigadores “agardan que se produza nos próximos meses de xullo e agosto e terá una enorme repercusión entre a comunidade científica internacional”, como apunta David Rodríguez.

A volta a Vigo está prevista o 13 de xuño e para a organización desta visita, os alumnos puideron contactar con persoas, segundo explican “de gran calado”, polo que poderán visitar un dos detectores de partículas, un acelerador de superficie e diversos experimentos punteiros no campo da física de partículas, ademais das exposicións Microcosm e Universe of Particles, que están aberta aos público nas instalacións do CERN. A segunda parada será en Toulouse, onde se achegarán ás instalacións de Airbus para coñecer o lugar onde se ensambla, entre outros, o avión A380, e visitarán tamén o museo desta coñecida multinacional.

O CERN

O CERN, o Centro Europeo de Investigación Nuclear, é unha organización internacional para a investigación de física de alta enerxía, berce do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) e de gran número de premios Nobel. Fundado en 1954 por 12 países europeos, o CERN é un dos centros científicos punteiros a nivel mundial e centra a súa actividade na física e en descubrir o funcionamento do Universo, mediante o estudo do que sucede cando as partículas colisionan, os físicos aprender sobre as leis da natureza.

Actualmente conta con 20 estados membros, que comparten o financiamento e a toma de decisións na organización. Outros 28 países participan con científicos de 220 institutos e universidades en proxectos do CERN. Unhas 20.000 persoas traballan para esta institución en Xenebra ou dende diferentes países, entre eles España; no seu Departamento de Enxeñaría, o 4% do persoal é español.