DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos cursos de verán que organiza a Universidade

Estudantes estranxeiros empápanse da lingua e cultura galega

O programa inclúe concertos, visitas culturais e conferencias

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 04/07/2008

Crianza, chan, lonxe, raparigo e medo son algunhas das palabras que os alumnos dos cursos de cultura e lingua galega están a aprender estes días nas aulas da Facultade de Filoloxía e Tradución. “Acabamos de empezar coas clases, pero as expectativas son moi boas”, tal como explica Elvira Rivero, profesora do nivel intermedio e colaboradora da Área de Normalización Lingüística, que engade que “moitos dos estudantes xa falan galego e coñecen parte da nosa cultura, polo que podemos avanzar cos contidos moi facilmente”.
Os aspectos teóricos que se tocan no curso son moi amplos, van dende gramática, morfoloxía e ortografía da lingua ata cultura galega, incluíndo festas, tradicións, arquitectura e arte. De todo o que se ensina nas aulas trátase de ofrecer a visión práctica, polo que “as leccións de cultura castrexa e megalitismo compleméntanse con visitas a Santa Tegra e aos petroglifos do Val Miñor, por exemplo”, segundo palabras de Rivero. No tocante a literatura, as exposicións céntranse nos autores do século XX, “hoxe Manuel Rivas, pero tocaremos outros moitos”, continúa a profesora.
Nesta ocasión, os alumnos proceden de países tan diversos como Hungría, Croacia, Reino Unido, Palestina e Romanía, polo que a diversidade é moi ampla. “A maior parte deles saben algo de galego porque xa o aprenderon nas súas universidades de orixe ou porque acudiron a un curso similar ao que nós ofrecemos”, subliña Rivero, que engade que “só hai dous que xa están aquí dende setembro cunha bolsa Erasmus”. Precisamente este é o caso de Cristina Bertane, unha estudante romanesa que dende o pasado curso estuda portugués en Vigo, e David Ficott, un inglés que “xa se defende en galego”, tal como el mesmo afirma. Ambos coinciden en sinalar a diversidade cultural da nosa comunidade, a súa paisaxe e o clima como principais atractivos, pois “en xeral, Galicia é moi bonita e resulta fácil adaptarse porque a xente é amable”, explica Ficott.
Pola súa banda, Cristina Hamori, estudante de español e italiano en Hungría, é unha “namorada das linguas minoritarias”, como ela mesma se define, que repite experiencia tras estar o pasado verán nos cursos que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela. “Gustoume tanto Galicia, a súa comida e as súas praias que quixen voltar aquí”, afirma.

Un completo programa cultural

A partir do 12 de xullo, os alumnos deixarán as aulas da Facultade de Filoloxía e Tradución para trasladarse ao Centro Social da vila ourensán de Allariz, que acollerán a docencia ata o día 24. “Queremos que a xente de fóra coñeza a calidade cultural que caracteriza a Galicia para que, de volta aos seus países, se convertan nos principais activistas da galeguidade”, explica Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística, que engade que “con este obxectivo elaboramos un variado programa de actividades”.
Impartidas por Elvira Riveiro e Silvia Penas, ambas licenciadas en Filoloxía Galega e con ampla experiencia na docencia de lingua e cultura para estranxeiros, as clases compleméntanse cunha serie de conferencias ofrecidas por profesores da Universidade. Entre eles atópase Anxo Angueira e Anxo Lorenzo, “expertos de talle internacional que ofrecerán relatorios sobre o panorama sociolingüístico e literario da Galicia actual”, tal como apunta Costas.
No tocante ao panorama musical da nosa comunidade, os alumnos estranxeiros terán un primeiro contacto co noso folclore da man da Orquestra Nacional do Batallón, o obradoiro Ultreia, O Combo Roxo e Leo de Matamá.
Por último, o programa inclúe excursións e visitas culturais guiadas a museos, monumentos e espazos naturais como os Canóns do Sil, A Guarda, a península do Morrazo e as terras de Celanova. “A finalidade destas saídas, ás que incluso se apuntan alumnos da Universidade, é mostrar a riqueza que a nosa comunidade ofrece en termos de arqueoloxía, arquitectura e paisaxe, é dicir, en materia de turismo cultural”, explica Costas.
Para por o broche de ouro á súa estancia en Galicia, os alumnos estranxeiros acudirán á Festa da Patria que o concello de Allariz celebra o 24 de xullo. “Esperamos que a xente saia igual de eufórica e entusiasmada que o ano pasado”, apunta o director da Área de Normalización Lingüística.