DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No que participan preto de 70 escolares de dez centros de ensino de Galicia

Estudantes do Grao en Educación Primaria achegan actividades centradas no deporte e a paz ao Encontro de Escolas Unesco

Esta tarde levan a cabo unha serie de xogos en Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/02/2022

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte forma parte, desde o ano 2016, da Rede de Escolas Asociadas á Unesco, integrada por preto de 17.000 centros educativos de todo o mundo. Preto de 70 alumnos e alumnas de dez dos centros galegos que forman parte desta rede participan hoxe xoves e mañá venres no IX Encontro de Alumnado de Escolas Asociadas á Unesco de Galicia, que se desenvolve no Pazo da Cultura. Baixo o lema de Cultura e paz, este encontro engloba unha serie de actividades, como as coordinadas por nove estudantes do Grao en Educación Primaria, que esta mañá levaron a cabo unha iniciativa dirixida a promover unha reflexión respecto dos valores asociados ao deporte, á idea de paz e as desigualdades entre homes e mulleres, mentres que esta tarde coordinan na facultade unha serie de xogos para as e os participantes.

Como explica a coordinadora galega desta rede, Susana Enguidanos, o obxectivo deste encontro era pór de relevo valores asociados ao deporte como “participación, equipo, igualdade, saúde, compromiso, disciplina, reto, esforzo, superación e paz”. Nese obxectivo, a organización contou coa implicación da Delegación de Estudantes da facultade, que coordina a participación de oito alumnas e un alumno neste encontro. Inaugurado esta mañá polo tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, catro destas estudantes, Carmen Maciñeiras, Elena de Santiago, Iria Paz e Erea Soto, levaron a cabo no Pazo unha primeira actividade que, explican, formularon como “un xogo que incluíse a todos os nenos e nenas”. Nesta actividade, as alumnas foron trasladándolles unha serie de preguntas dirixidas a que “reflexionasen sobre o deporte e sobre o que eles consideraban que é a paz”, pondo o foco en concreto “no tema da igualdade e nas diferencias que hai entre homes e mulleres, tanto no deporte como noutros ámbitos”, como apunta Maciñeiras. “Notábase que eran alumnos de escolas Unesco, porque todos tiñan un pensamento moi aberto”, recoñecían ao remate dunha actividade “moi dinámica”, que lles permitiu “interactuar cos nenos e nenas e coller un pouco de experiencia” de cara o seu futuro profesional como docentes.

Esta actividade vese continuada esta tarde por unha serie de xogos que este grupo de alumnas leva a cabo no pavillón da facultade; unha actividade dividida nunha serie de “estacións” nas que as e os escolares levan a cabo accións de diferente tipo, desde actividades relacionadas coa psicomotricidade ata unha coreografía que toma como base a canción Terra das Tanxugueiras. Por último, como explica Enguidanos, este grupo de alumnas participará mañá venres na actividade de peche deste encontro, na que “reuniranse cos grupos de cada colexio para facer unha análise das propostas levadas a cabo, das cousas que lles gustaron e das que podemos mellorar”. Cun menor número de escolares participantes por cada centro por mor da covid-19, neste noveno encontro das Escolas Unesco participaron os colexios pontevedreses de Salcedo e Manuel Vidal Portela, así como o instituto Luís Seoane, xunto co CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo; o CPR Eduardo Pondal de Cangas; o IES Pazo da Mercé de As Neves, o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia e os conservatorios profesionais de Pontevedra e Redondela.