DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano asegura que xa se traballa na solución dos desaxustes

Estudantes da licenciatura de Belas Artes demandan unha “docencia de calidade” ao sentirse desatendidos fronte aos que cursan o grao

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 24/03/2009

Unha docencia de calidade foi a demanda que este martes realizou un grupo de estudantes da facultade de Belas Artes, primero ante o centro, e despois nun percorrido que pasou pola Vicerreitoría do campus e a Peregrina para rematar ante o decanato. Os estudantes solicitan unha mellor atención ao alumnado, así como uha correcta organización dos plans de estudo e dos horarios. “A idea que está difundindo o equipo decanal nos medios é que todo funciona moi ben e a implantación do grao está sendo perfecta e limpa, cando é mentira porque hai moitos problemas colaterais”, explicou Adrián Navarro, voceiro dos alumnos. O maior problema detectado polos alumnos é que “en lugar de ter unha docencia específica reagrupáronnos cos do grao e o que atopamos alí é un plan de estudos totalmente distinto ao que pagamos na matrícula. Os profesores non están avisados de que teñen que darnos esa parte específica e ao final estamos dando clases de grao cando estamos matriculados na licenciatura”.
Pola súa banda o decano da facultade, Ignacio Barcia, sinalou que o contratempo “está limitado a catro ou cinco materias”, e aínda que recoñeceu que existen “problemas de axuste interno de convivencia entre os alumnos da licenciatura e os de grao” , asegurou que xa se traballa en coordinación coa Delegación de alumnos na súa solución.
“Exigimos docencia de calidad” e “Decano trabaja” foron as dúas consignas da concentración, que o estudantado acordou realizar dado que "o único que nos dan son boas contestacións e ningunha solución inmediata", indicou Navarro. Fronte á facultade, tamén tomaron a palabra varios alumnos do grao, para afirmar que “as dúas opcións están mal levadas” e sinalar que, no seu caso, sofren unha “masificación de profesores” ao ter seis docentes para unha materia de catro meses.

Convivencia de dous modelos

Belas Artes é a primeira titulación da Universidade de Vigo que se converteu en grao e en setembro do ano pasado, trescentos estudantes comezaron as clases da nova titulación. Algo máis dun centenar son alumnos de primeiro curso, mentres que o resto son estudantes de segundo e terceiro que optaron por mudar a vella titulación pola nova. Non todos decidiron cambiarse ao novo plan, algúns mantivéronse na licenciatura e son os que agora se senten desatendidos. O decano, Ignacio Barcia, recoñece que “o plan de implantación dos graos foi moi ambicioso e sempre hai pequenos desaxustes que son difíciles de prever e hai que solucionar sobre a marcha”. “O que eles reivindican, basicamente”, engade, “é calidade docente e niso estamos traballando con eles”. A pesar de todo e de amosar a súa colaboración para resolver un problema “sen dúbida importante para os alumnos que o sofren”, sinala que “dentro do gran cambio que supuxo a implantación dos graos, non é un problema esaxerado”.
Logo desta primeira iniciativa para chamar a atención sobre os seus problemas, a delegación de alumnos prepara un novo acto para a semana que vén, no que planean levar a súa protesta ao campus.