DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso organizado pola ANL

Estudantes de lingua azerí dan un paso adiante e alcanzan o nivel intermedio

Tras varios meses iniciándose nunha lingua que falan máis de trinta millóns de persoas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 24/02/2010
Saben o básico pero queren seguir aprendendo e mellorar as súas destrezas nunha lingua que falan máis de trinta millóns de persoas. Falamos do estudantado e profesorado que están a aprender nas aulas da Facultade de Filoloxía e Tradución o azerí, unha lingua da familia do turco, influída polo persa e o árabe, oficial na República de Azerbaixán e falada en moitos outros países, entre os que se inclúe Turquía, Rusia, Irán, Iraq, Armenia e Xeorxia.
Tras dous cursos de iniciación, a Área de Normalización Lingüística lanza agora, a petición dos propios matriculados, un curso de nivel intermedio no que estes estudantes poderán seguir adquirindo destrezas, tanto a nivel gramatical como de conversación.

Impartido pola docente iraní Mina Shayan

Da man da profesora Mina Shayan, para quen o azerí e a súa lingua materna, centraranse “moito máis na comunicación oral e tamén nas lecturas, algo no que no outro curso non puiden apenas entrar porque non estaban suficientemente capacitados”, subliña Shayan, ao tempo que comenta que nesta ocasión reservará menos tempo a temas de cultura, costumes e tradicións dos lugares nos que se fala esta lingua “pois agora deste tema xa coñecen bastante e convén ir gañando práctica na conversación e en cuestións gramaticais”, insiste.
De todas maneiras, a cultura é algo que tampouco deixará absolutamente de lado, pois é consciente da curiosidade que esperta entre os seus alumnos e alumnas e sorrí lembrando algunhas anécdotas neste sentido. “Lembro como lles sorprendeu o feito de que para nós o ano novo comeza na primavera ou o moito respecto que hai polas persoas maiores que te leva, por exemplo, a non fumar diante delas”, subliñou.
Con estudantes maioritariamente da Facultade de Filoloxía e Tradución, a responsable do curso destaca como tamén ten matriculados varios alumnos da ETS de Enxeñaría de Telecomunicación, así como algún docente de ensino medio, “se ben entendo que é especialmente interesante para aqueles alumnos e profesionais que están habituados a traballar con linguas”, subliña Shayan, licenciada en estudos de Filoloxía Hispánica pola Universidade Azad de Teherán e que reside en Vigo dende hai apenas dous anos para especializarse en cuestións de xénero.

Matrícula gratuíta

O curso, que ten a matrícula aberta ata este venres, ten unha duración de 30 horas e impartirase os luns e os mércores de 15.00 a 17.00 horas na aula B2 da Facultade de Filoloxía e Tradución. A matrícula é gratuíta e para formalizala hai que presentar, persoalmente ou por correo postal/electrónico o boletín de inscrición.
Para obter o certificado oficial de asistencia e aproveitamento do curso, expedido pola Área de Normalización Lingüística, os alumnos terán que superar unha proba escrita establecida pola profesora e asistir, como mínimo, ao 80% das clases. Así mesmo validarase por dous créditos de libre elección. A data de remate das clases está prevista para o vindeiro 10 de maio.