DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes mexicanos rematan, cun curso na Universidade, o seu mestrado internacional

Organizado polo grupo de investigación ICONOTYPO, centrarase na alta dirección e xestión empresarial

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 31/08/2009

A estreita cooperación entre a Universidade de Vigo e as institucións educativas latinoamericanas sube un novo chanzo coa celebración no campus de Pontevedra do Curso de alta dirección y gestión empresarial co que arredor dunha vintena de estudantes da Universidad Anáhuac de Xalapa, de México, rematarán estes días o seu mestrado internacional. Organizado polo grupo de investigación ICONOTYPO, esta iniciativa conta coa colaboración especial desta universidade mexicana e, ata o vindeiro día 10 desenvolverá un amplo programa de actividades e relatorios no que se darán cita “profesores do ámbito da economía e da empresa xunto con importantes representantes do eido empresarial”, explica Pedro Pablo Gutiérrez, director do curso. Nesta primeira xornada, o estudantado foi recibido polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e polo director da Oficina de Relacións Internacionais, Anselmo Seoane-Pampín, que lles deron a benvida á Universidade de Vigo antes de realizar un percorrido polo campus vigués para coñecer de preto principalmente as súas características arquitectónicas.
No acto de benvida, o vicerreitor salientou a importante compoñente de mobilidade internacional da Universidade, “en especial co voso país, do que recibimos máis de 20 estudantes cada ano e a onde enviamos outros tantos da nosa institución”. Area salientou tamén a calidade do programa de actividades e animou aos mozos aproveitar ao máximo a súa estadía en Galicia “unha terra tradicionalmente unida a México, entre outras cousas, polo imporante fluxo migratorio que se deu nos anos 60 e que repercutiu positivamente no desenvolvemento do noso país”. Pola súa banda, o director da ORI, felicitou ao director do curso polo grande esforzo que supón organizar unha actividade deste tipo cun programa tan amplo e de tanta calidade. Anselmo Seoane aproveitou tamén para anunciar a presenza da Universidade de Vigo, xunto coa de Coruña e a de Santiago, na feira de posgraos europeos que se desenvolverá no mes de novembro nas cidades de México e Monterrey e apuntou que, en breve, “tamén recibiremos unha delegación da universidade de Guadalajara”, apuntalando con firmeza a relación da institución viguesa co país mexicano.

Un amplo programa formativo

Segundo explicou o director, os estudantes cursan un mestrado na súa universidade que remata cun curso nunha universidade estranxeira, neste caso a de Vigo. “A idea é, a partir desta primeira edición, poder continuar con esta iniciativa nos vindeiros anos”, apunta. Durante os dez días de duración do curso os participantes poderán asistir a un nutrido número de conferencias, que se desenvolverán principalmente na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, nas que participarán tanto profesores universitarios coma destacadas autoridades do eido económico e empresarial. Se esta tarde será o profesor Fernando Ramos o encargado de introducilos no mundo do protocolo, a axenda para o resto da semana tentará polos ao día sobre as últimas tendencias empresariais (web 2.0, outsourcing integrais...); as cámaras de comercio, os círculos de empresarios, axudas oficiais para a constitución de novas firmas, estratexias de comunicación ou temas máis puntuais como o funcionamento da bolsa en España.
Ao longo destes días os estudantes asistirán entre outras actividades de carácter máis lúdico a un almorzo debate no club financeiro co director xeral de Caixanova, Xosé Luis Pego, e visitarán o estadio e as instalación do Real Club Celta de Vigo, onde serán recibidos polo presidente da entidade, Carlos Mouriño.
O presidente do Club Financeiro, Jesús Bahillo; o presidente da Cámara de Comercio, José García Costas, e o director xeral do Celta, Antonio Chaves, son algunhas das autoridades que participarán tamén no programa.