DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo chega á final do concurso Beertual Challen

Estudantes ourensáns defenderán a súa idea de cervexa artesanal ante o Grupo Modelo

O 22 de marzo presentarán a súa proposta a directivos da empresa en Ciudad de México

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 10/02/2012

En outubro Andrés Olivera, director de Recursos Humanos para Europa do Grupo Modelo, cervexeira líder con marcas como Corona, acudiu á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense a presentar o xogo de negocios Beertual Challenge e a animar ao alumnado a competir creando o mellor proxecto de empresa cervexeira internacional. Despois de meses de xogo, un equipo ourensán de estudantes de mestrado vén de clasificarse para a final que se celebrará o 22 de marzo en Ciudad de México, onde defenderán a súa idea de negocio dunha cervexa artesanal.

O equipo finalista, chamado Águila Roja, está formado por Antonio Cartolano, Isabel Rodríguez e Diana López, alumnos do Máster Oficial Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo. Son, xunto a outro equipo da Universidade de Cantabria, os únicos procedentes de universidades españolas que conseguiron clasificarse para a final de Beertual Challenge na categoría de mestrados, onde se enfrontarán a equipos de México e Arxentina.

A idea de participar, explican os compoñentes do equipo, naceu por consello do profesor Ángel Barajas e despois de asistir á presentación do concurso no centro. “Empezamos como un xogo, sen aspiración algunha, pero a medida que íamos pasando etapas xa nos fomos motivando e tomando cada vez máis en serio a nosa participación en Beertual Challenge”, salienta Antonio Cartolano. "O nivel de esixencia foi aumentando a medida que avanzou o concurso e agora vamos a por todas, a ver se conseguimos estar entre os tres primeiros", engade Isabel Rodríguez.

Tres fases ata a final

Ata chegar á final os xogadores ourensáns tiveron que pasar unha serie de probas eliminatorias para conseguir clasificarse entre os preto de 5000 participantes iniciais. A primeira fase, explican, foi virtual, a través da plataforma on-line do xogo, e consistiu na toma de decisións empresariais sobre unha empresa ficticia. Durante seis semanas consecutivas os participantes ían tomando decisións, principalmente numéricas, de previsión de ventas, prezos, contratacións, etc.

Pasada esta fase, Águila Roja clasificouse para a semifinal, na que tivo que presentar o plan de expansión dunha empresa cervexeira ficticia nun país ficticio, desenvolvendo todos os aspectos dun modelo de negocio, desde a estratexia empresarial ata o márketing. “A nosa clave foi conseguir unha rede de distribuidores locais exclusivos e vender a cervexa con marxe de beneficios”, apunta Antonio Cartolano.

Esta semana comunicáronlle aos estudantes a súa clasificación para a final e transmitíronlle as indicacións do traballo que teñen que realizar. O 22 de marzo presentarán en México a súa idea de negocio cervexeiro e intentarán convencer en persoa ao xurado, integrado por directivos do Grupo Modelo e das empresas socias, para que adquiran a súa empresa virtual e converterse gañadores de Beertual Challenge. “A idea é que presentemos un proxecto de cervexa artesanal, estando agora na fase de definir que se considera exactamente cervexa artesanal e buscando ideas para a nosa proposta, que temos que presentar antes do 12 de marzo”, apunta Cartolano. Trala alegría pola súa clasificación e co apoio dos docentes do mestrado, o equipo xa está mans á obra coa súa proposta "e preparando a nosa presentación, pois teñen unha forma de traballar diferente á nosa e temos que adaptarnos para conseguir defender ben a nosa idea", explica Diana López. Está en xogo un primeiro premio consistente nunha viaxe de negocios de tres semanas a China; un segundo premio que é unha viaxe de dúas semanas a Europa, e un terceiro, que é unha viaxe dunha semana a Canadá.