DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnos do Programa para Maiores colaborarán cos docentes achegando á mocidade a súa experiencia

De estudantes a profesores, de aprender a ensinar

A Universidade converxe co mandato da UE de Envellecemento Activo e Solidariedade Interxeracional

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 11/10/2012

Os alumnos e alumnas do Programa para Maiores teñen moito interese por aprender pero tamén por ensinar. A experiencia e os anos vividos, diversas profesións desenvoltas ao longo da vida e o valor enganido de ter visto mudar o mundo nas últimas décadas. Por todo isto que teñen que achegar á sociedade, no curso que hoxe se inaugura do Programa de Maiores, botará a andar unha experiencia única, na que pasarán de alumnos a profesores, a través de colaboracións puntuais cos docentes dos diversos estudos de grao.

Os profesores interesados propuxeron as materias nas que lles interesaría esta colaboración e os maiores os temas nos que teñen coñecementos que compartir. A sinerxía que xorde comezará en breve a súa andaina arredor de temas como a mercadotecnia, a contabilidade financeira, a transformación das materias primas ou as empresas familiares. Alejandro Otero, presidente de la asociación Aulas de Formación Aberta, explica que por “formación, profesión, experiencia e vivencias en directo da historia, os alumnos poden prestar unha axuda puntual, unha achega aclaratoria sobre determinadas materias”.

A colaboración artellarase arredor de conferencias ou mesas redondas nas que os alumnos senior traballen coordinadamente co profesor da materia para achegar unha visión máis persoal do tema. Otero destaca a boa resposta da Vicerreitoría de Extensión Universitaria á esta iniciativa, animándoos a aproveitar a experiencia de todas estas persoas acumulada durante a súa vida profesional e transmitíndoa ao alumnado de diferentes carreiras.

Pioneiros na solidariedade interxeracional

A posta en marcha desta iniciativa suporá, como indica o representante dos alumnos senior, “practicar o mandato da Unión Europea de Envellecemento Activo e Solidariedade Interxeracional, un punto ao que debemos levar o programa de formación de maiores da Universidade, onde as persoas senior compartan cos alumnos as súas experiencias, dirixidas sempre polo profesor oficial”. Isto, unido ao alumnado de 4º e 5º curso do Programa de Maiores, que cursan os seus estudos de especialización nas aulas de formación regrada, compartindo clases co resto dos universitarios, “convertería á Universidade de Vigo na primeira de Europa con este programa de Solidariedade Interxeraciónal, no que os maiores comparten formación regrada e, á vez, interveñen na formación”.

Unha motivación para os alumnos senior

Por unha banda, unha posta a punto dos coñecementos; por outra, a valoración do que poden achegar. Para os alumnos serior, esta experiencia é beneficiosa dende múltiples puntos de vista. Alejandro Otero incide en que é tamén unha motivación para toda a clase, “que observa como un compañeiro imparte maxistralmente unha parte da materia que están estudando”. Ademais, esta experiencia permítelles poder publicar o seu traballo, ben na web do programa, ben na revista Seniors Universitarios, que presenta o seu número 0 nesta mes de outubro.

Un novo curso de comeza

O Programa para Maiores botou a andar na súa sexta edición este xoves con 57 alumnos e alumnas de novo ingreso, 34 mulleres e 23 homes, no primeiro curso. Únense estes ao estudantado que cursa 2º e 3º do ciclo intensivo e os de 4º e 5º do ciclo de especialización, consolidando un programa que procura achegar a Universidade á sociedade, espallando o coñecemento e abrindo as portas das aulas a unha parte da poboación cada vez máis numerosa e con máis gañas de aprender. No acto inaugural puideron escoitar á pedagoga Antía Cal reflexionar sobre o envellecemento activo e a formación, e fíxose entrega tamén dos premios aos gañadores do Primeiro concurso literario da Asociación de Alumnos.