DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da materia sobre Orientación Profesional que imparte a profesora Margarita Valcarce

Estudantes de Psicopedagoxía deseñan blogs de orientación para o alumnado da ESO

Aprenderon a utilizar tamén as WebQuest e fixeron o exame da disciplina no ordenador

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 16/06/2010

Unha experiencia “innovadora, gratificante e moi positiva”. Así cualifica o alumnado da materia de Orientación Profesional, no 5º curso da titulación de Psicopedagoxía da Facultade de Ciencias da Educación, os coñecementos adquiridos na disciplina da man da súa profesora, Margarita Valcarce, que lles ensinou a aplicar as novas tecnoloxías da información e a Comunicación (TICs) na aula. O contido da materia consistía en abordar o proceso de orientación no ensino secundario prestando asesoramento e axuda na toma de decisións vocacionais e, nesta liña, a docente animou aos seus alumnos e alumnas a deseñar blogs con información de utilidade para o estudantado da ESO, dende as saídas académicas e laborais ás que poden acceder ata orientación, guías e outros recursos web que lles poden ser de utilidade. O resultado foi “moi positivo”, en opinión da profesora Valcarce, posto que en dúas clases prácticas (4 horas de traballo na aula) os preto de 60 alumnos da materia, divididos en grupos, foron quen de deseñar e elaborar 9 blogs que fican agora na Internet esperando ser de utilidade a todos aqueles alumnos e alumnas de educación secundaria que precisen dunha orientación na súa traxectoria académica e profesional. Moitos dos creadores destes blogs seguiranos mantendo e actualizando despois de rematar o curso.

Utilización da ferramenta gratuíta Blogger

Explica a profesora Valcarce que o primeiro paso do traballo foi abordar a parte teórica da materia para deseñar e estruturar despois o contido do blog. O terceiro e último paso foi o de trasladar a información ao Blogger, unha ferramenta de publicación de blogs gratuíta. O resultado son os 9 blogs que se atopan xa na rede con información destinada, principalmente, ao alumnado de Educación Secundaria, que poderán atopar nestes sitios web “a información necesaria para poder facer unha toma de decisións cualificada de cara ao seu futuro profesional”, segundo explica a docente. Margarita Valcarce cualifica a práctica como unha actividade dinámica e creativa “que lles permitiu aos estudantes comprobar que os medios tecnolóxicos actuais contribúen a democratizar os procesos de orientación ao facer chegar a información a un maior número de persoas dunha maneira máis áxil”, declara.

Unha experiencia “boa e novidosa”, segundo o alumnado

Unha opinión positiva compartida tamén polos estudantes da materia. Alba Penas, creadora xunto con outros compañeiros e compañeiras do blog Y yo que quiero ser, cualificaba a experiencia de “moi boa e novidosa xa que é a primeira vez que aplicamos as novas tecnoloxías para traballar a temática das clases”. Roberto Rodríguez, creador do blog Todos Orienta2, coincidía coa súa compañeira subliñando da práctica o feito de ser “moi entretida” e recoñecendo que “non fai falla ser un experto” para crear este tipo de ferramentas na rede. Paula Rouco, que traballou no blog Orientación Académica y Profesional, pola súa banda, cualificaba a iniciativa da profesora Valcarce como unha “práctica innovadora” ao igual que o seu compañeiro Juan Rubén Fernández, deseñador do blog Orientación Profesional con outros estudantes da clase, que engadía a posibilidade que ofrecen estes blogs aos usuarios que poden participar no seu contido e contribuír así á súa mellora.

Uso das WebQuest e exame a través da rede

Margarita Valcarce é profesora da Universidade de Vigo a tempo parcial e traballa formando a profesionais de formación para o emprego, un labor que lle esixe estar en contacto permanente coas novas tecnoloxías e uns coñecementos que traslada despois ás súas clases. Nesta liña tamén traballou na materia coas WebQuest, unha actividade didáctica que permite levar adiante unha investigación guiada con recursos procedentes da Internet. Segundo explica a docente, “o que fixemos foi visitar unha serie de páxinas web filtradas para realizar distintas actividades que esixían unha información específica. Con esta práctica os estudantes aprenderon a localizar recursos na rede e o valor de filtrar a enorme cantidade de información existente na Internet”, declara.
Outra das iniciativas postas en marcha pola docente foi a realización do exame da materia na aula de informática e a través da plataforma FAITIC, posta a disposición do profesorado pola Universidade de Vigo como unha ferramenta na que poder apoiarse para a realización das clases presenciais. A profesora Valcarce explica que facer o exame no ordenador “supuxo un maior esforzo previo na concepción e na mecanización da proba” pero subliña que as vantaxes da actividade foron moitas. Entre elas e segundo declara, “reducir o consumo de papel, facilitar o arquivo das probas e proporcionarlle ao estudante unha resposta inmediata xa que puido saber ao remate da proba a nota do exame”, explica.