DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Competirán na categoría Novos Creativos nun dos certames máis prestixiosos do sector publicitario

Estudantes de Publicidade e RRPP fanse un oco no Festival 'El Sol'

O fallo do xurado darase a coñecer o vindeiro 2 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 25/05/2012

Non é un acontecemento que ocorra todos os anos. Unha proposta publicitaria de cinco estudantes de último ano da titulación de Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acaba de ser seleccionada para participar no Festival Iberoamericano da Comunicación Publicitaria, El Sol, un dos certames máis prestixiosos e recoñecidos do sector. Os estudantes pontevedreses competirán entre o 31 de maio e o 3 de xuño en San Sebastián na categoría de Novos Creativos con outras 15 propostas doutras universidades e escolas audiovisuais do país. Mercedes García, Raquel López, Elena Segovia, Xoana Pardavila e Pablo Vilar ao abeiro da materia de Laboratorio de Produción Publicitaria en Televisión, impartida polo profesor Alberto Dafonte, realizaron este spot finalista xa dende un principio pensado e adaptado aos requirimentos do festival.

"A verdade é que é unha moi boa forma de rematar a carreira, ademais estamos en época de exames, así que unha nova desta categoría recíbese con moita alegría", asegura Xoana Pardavila. Os cinco alumnos tiveron que desenvolver unha campaña para a xenebra Seagram Company, cunhas pautas moi definidas en canto á duración, ao contido, a música e á estética da peza, dispondo dun tempo moi limitado para rodalo. "Cando facemos traballos para a carreira pensamos xa en proxectos de cara ao noso futuro laboral", sinala a estudante sobre esta iniciativa de que o alumnado se presente aos concursos e festivais que naceu da man do profesor Alberto Dafonte co obxectivo, segundo sinala o docente de “de sacarlle un rendemento real aos traballos realizados durante a carreira, a maiores dunha nota académica, axudando ademais a visibilizar e a proxectar o talento publicitario e audiovisual desta facultade”.

Non é un traballo de clase, senón un proxecto persoal

Orgullosos de ser seleccionados e coa esperanza de que este feito lles abra algunha porta de cara ao futuro, os estudantes son conscientes de que "temos unha competencia moi forte por parte das melloras escolas de publicidade nacionais e estudantes de mestrado", explica Xoana Pardavila. O éxito acadado coa selección do seu spot lévaos a animar a outros alumnos a que presenten os seus traballos, "non se trata de un traballo de clase senón dun proxecto persoal. Se desde primeiro se plantea así a carreira pode ser moito máis interesante e aporta unha sensación de motivación extra cando está ata arriba de traballo".

O vindeiro sábado 2 de xuño coñecerase a campaña vencedora nesta categoría de Novos Talentos, cuxos autores recibirán un premio por valor de dúas becas impartidas por Complot Escuela de Creativos. O xurado seleccionará igualmente os tres traballos que, ao seu entender, mellor cumpran os obxectivos definidos nas bases do concurso e que serán distinguidos co Premio El Sol nas modalidades de ouro, prata e bronce.