DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor de Planificación e o director xeral de Relacións Laborais apoiaron a iniciativa

Estudantes e titulados aprenden nun curso as principais vantaxes do cooperativismo como fórmula de autoemprego

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 13/10/2009

Avalado polo éxito das dúas edicións anteriores, este martes iniciouse unha nova andaina do curso Sociedades Cooperativas e Autoemprego, “un exemplo claro da aposta que está a facer a Universidade por fomentar a formación no ámbito do autoemprego”, tal como salientaba o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, na inauguración da terceira edición, na que estivo acompañado por Odilo Martiñá, director xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, e Purificación Alonso, presidenta da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado, Ugacota.
A nova edición botou a andar cun notable éxito de matrícula, tal como salientaron os coordinadores do curso, a profesora Mª José Cabaleiro e o Comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade, José Manuel García Vázquez, quen destacou a clara implicación da Universidade de Vigo co desenvolvemento económico do país. “A cooperativa está tendo un mellor comportamento nestes tempos de crise ca outros tipos de organización de empresarial, e este curso é unha oportunidade que non debe deixarse pasar”, puntualizou Vázquez ao respecto dun curso que ten como principal obxectivo ensinar as principais avantaxes das cooperativas como fórmula de autoemprego.
O bo comportamento das sociedades cooperativas nun contexto económico desfavorable foi tamén un dos eixes da intervención do director xeral de Relación Laborais, quen aproveitou a ocasión para anunciar a intención do novo executivo galego de modificar a actual lei de cooperativas e pór en marcha un novo fondo de capital risco específico para as cooperativas. “Trátase de facilitar a posta en marcha das cooperativas que se inicien, non só con capital senón tamén facilitándolles un xestor que as axude na xestión económica das novas sociedades”, subliñou.

Prestixiosos profesionais e orientación práctica

Tal e como explicou Cabaleiro durante a presentación, o curso ten unha parte de traballo, “máis teórica e de fundamento”, a través da plataforma virtual e-learning, que se complementa coa formación presencial, consistente en dúas clases á semana para “apoiar e ampliar contidos”. Serán profesores da Universidade de Vigo e doutras de fóra, xunto con funcionarios das administracións públicas e expertos vinculados directamente ao mundo das sociedades cooperativas os encargados de impartir estas sesións.
Entre as principais novidades deste curso atópase a celebración dunha xornada específica, “tratando o tema da cooperativa de traballo asociado e de servizos profesionais e empresariais”, na que participarán coas súas experiencias profesionais da Federación de Cooperativas e representantes de distintas cooperativas. Esta actividade, que se celebrará o 3 de novembro, estará aberta ao público en xeral. Ademais, ao igual que noutras edicións, os alumnos terán acceso ás II Xornadas Virtuais organizadas pola Asociación de Estudios Cooperativos (AECOP).

Mestre de mestres

Para impartir a conferencia inaugural contouse coa presenza dun dos maiores expertos en cooperativas a nivel nacional, “un mestre de mestres”, tal como salientou Cabaleiro, o catedrático da Universidade Complutense de Madrid, Carlos García-Gutiérrez, que impartiu o relatorio Claves para o futuro empresarial: emprendemento e traballo de calidade e sociedades cooperativas.