DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso de Extensión que se celebra na Casa das Campás

Estudantes e titulados descobren as potencialidades laborais que ofrece o ecoturismo

A natureza, a tradición ou o autóctono póñense en valor con esta práctica turística, diferente ao tu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 13/09/2011

Unha boa degustación gastronómica, percepcións sensoriais dos lugares naturais, coñecemento dos costumes locais, visitas guiadas aos lugares máis enxebres… son actividades turísticas que un visitante experimentaría se decidise facer ecoturismo. Unha nova forma de facer turismo dende a sustentabilidade, a tradición e o respecto ao medio ambiente, “no que se defende que tanto é patrimonio cultural a Catedral de Santiago como as cancións populares ou os bosques galegos”, explica Antonia López, unha das directoras do curso de extensión cultural sobre Ecoturismo que se imparte na Casa das Campás ata o xoves.

De feito, os organizadores sinalan dúas cuestións que revalorizan este tipo de patrimonio máis intanxible. Por unha banda, “serve para conservar e transmitir a nosa cultura, que é o máis importante que ten o ser humano”, e por outro, a necesidade de protexelo “xa que se trata dun patrimonio vivo que con calquera manobra se pode danar e pode que non se recupere”.

O obradoiro, cun enfoque práctico, tenta afondar no concepto de ecoturismo, un termo de recente uso, diferenciándoo do que se coñece por turismo natural ou turismo verde. Como aclara un dos profesores do curso, Eduardo Martínez, “mentres que o primeiro significa incluír visitas por un medio natural e o segundo supón calquera medida de conservación, como empregar enerxías renovables ou diminuír o consumo de auga, o ecoturismo vai máis alá”. Implica un mínimo impacto ambiental, a xeración de emprego e beneficio no local e que unha parte dos ingresos xerados pola explotación turística se destinen para a conservación do recurso natural que se está a explotar. “Trátase de que se un turista paga 18,50 euros por ir en barco ás Illas Cíes, parte dese diñeiro sirva de financiamento para a propia illa. Algo que nestes momentos non se está facendo”, aclara Martínez.

Facer sentir o patrimonio

Ademais de establecer as bases do que é o ecoturismo, o curso achega unha serie de consellos prácticos para poder exercer de guía “ecoturista”. Para iso, botan man de técnicas de interpretación do patrimonio, ferramentas de comunicación que axudan a converter valores e tradicións do territorio en produtos turísticos. “Deséñanse visitas entretidas sen recorrer a datos memorísticos que a xente non vai reter. Emprégase outro tipo de información que chegue ao corazón a través dos sentidos, conseguindo que cada un constrúa a súa experiencia do lugar”, puntualiza a directora do curso. Exemplifica o uso destas técnicas cun caso dunha guía turística nas dunas de Corrubedo: “en vez de citar que a duna máis alta mide 15 metros, porque os turistas non teñen referencia desa altura, o mellor é recorrer á comparación con obxectos máis coñecidos, comentando que cubriría case toda a Porta de Alcalá”.

Para consolidar este tipo de turismo nos parques e espazos naturais de Galicia son necesarios plans de actuación nos que participen e teñan voz todos os axentes implicados na explotación do territorio, dende as empresas de turismo ata as asociacións veciñais da zona. “Debe concibirse como un proceso continuo de colaboración e de consenso para que non haxa enfrontamentos e gañen todos”.

O curso está organizado pola empresa Ambientarte SL, fundada por Antonia López e Isabel Fernández, tituladas da Escola de Enxeñaría Forestal, que decidiron asociarse polo seu interese e experiencia na conservación do medio ambiente. Especializadas en actividades de formación en educación ambiental e de interpretación de patrimonio, tamén organizan actividades accesibles para persoas con discapacidade, “algo que nos diferenza nun nicho laboral que aínda se atopa en crecemento”.