DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballan na integración e axuda ao alumnado internacional, sobre todo Erasmus

Estudantes de toda España participan en Vigo na reunión anual de ESN

Dende este venres e ata o domingo elixirán unha nova directiva e decidirán as actividade para o próx

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 25/04/2014

Chegados de diferentes puntos da xeografía española, estes días reúnense en Vigo 115 universitarias e universitarios para participar na reunión anual en España da Erasmus Student Network, unha asociación sen ánimo de lucro que traballa na integración e axuda ao alumnado internacional, principalmente aqueles que chegan grazas ao programa Erasmus. Serán tres días, dende hoxe ata o vindeiro domingo, de intensa actividade nos que, ademais de elixir unha nova directiva, se decidirán tamén os orzamentos e os proxectos para o novo curso.

Excursións, actividades deportivas, conferencias, obradoiros... Eles son os principais encargados, en colaboración coas oficinas de relacións internacionais das diferentes universidades españolas, de darlles a benvida ao estudantado estranxeiro de intercambio axudándolles a integrarse nas cidades que elixiron como destino e ofrecéndolles apoio e asesoramento de todo tipo: dende o aluguer dun piso ata a elección do mellor lugar para tomar comida tradicional a bo prezo.

Exemplo de participación estudantil

Chegan representando ás 32 asociacións de ESN en España “e logo encargaranse de difundir entre os voluntarios das súas respectivas asociacións os principais acordos que se tomen aquí en Vigo”, subliña o vigués Francisco Blanco, responsable local dunha xuntanza na que tamén participa o presidente de ESN España, Jorge Francisco Martín, e o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, quen, ademais de agradecerlles a elección de Vigo para a súa reunión anual, aproveita para lembrar que esta asociación é un “exemplo claro” da capacidade do programa Erasmus para xerar estruturas estables “tanto a nivel de cooperación como de participación estudantil nas institucións”. A este respecto, o vicerreitor recalca tamén o “papel clave desta asociación para garantir o éxito do programa, xa que para as universidades a colaboración destes voluntarios resulta clave”.

A reunión iniciouse esta mañá con varios talleres formativos nos que abordaron cuestións como o recrutamento de novos voluntarios, dirección de proxectos, cuestións fiscais e captación de recursos. “Financiámonos sobre todo a base de subvencións, tanto de carácter europeo, como nacional e mesmo local”, subliñou Blanco, que explicou que, ademais dos fondos públicos, cóntase tamén coas cotas dos asociados e a colaboración de moitas empresas “que nos axudan sobre todo coa cesión de materiais cando organizamos as actividades”.

“Somos unhas das delegacións máis activas”

Esta é segunda vez que a asociación elixe Vigo para celebrar a súa reunión anual. Fixérao xa no 2011, apenas un ano despois de constituírse a sección viguesa, e tres anos despois repiten destino. “Somos unhas das delegacións máis activas”, admite Blanco, alumno de Enxeñaría Industrial que lembra como “empezamos tres ou catro, sen moita idea pero con moitas gañas”. Hoxe son case 30 os integrantes e neste tempo levan organizado multitude de actos. Este foi un dos cursos máis activos, “empezamos cunha viaxe a Cíes en agosto e, dende entón non paramos”, subliña Blanco, que pon como exemplo dunha das súas últimas actividades, unha viaxe a Asturias e León na que se inscribiron máis de 100 alumnas e alumnos internacionais.

Preto xa do final do segundo cuadrimestre e, unha vez que remate a reunión anual, centraranse na organización dun gran evento fin de curso, a idea xa a teñen clara: un fin de semana na praia de Patos en Nigrán con actividades de surf e vela e “unha gran cena de gala”, subliña Blanco, quen, a piques de rematar a titulación de Enxeñaría Industrial pensa xa na posibilidade de realizar o seu Proxecto Fin de Carreira no estranxeiro “gustaríame Polonia pero se non pode ser quedaría encantado con calquera outro país do Este”, subliña, ao tempo que recalca que, polo de agora, “estou moi contento con todo o que teño aprendido nestes anos coa miña participación en ESN”, unha experiencia á que se refire como “moi enriquecedora”.