DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso organizado por un grupo de alumnas de doutoramento

Estudantes de todo o mundo elixen Vigo para analizar as últimas tendencias en literatura inglesa

Terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución os días 17 e 18 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 10/03/2011
Anabel Vila | Vigo
Un congreso organizado polo alumnado e para o alumnado. Así podería definirse o congreso Bridging the Gaps, Minding the Context que se celebrará a vindeira semana na Facultade de Filoloxía e Tradución organizado por un grupo de estudantes de posgrado do propio centro. A idea xurdiu de dúas alumnas, Laura Torrado e María Alonso, á volta dun congreso celebrado en Irlanda e agora, case dous anos despois, vano levar á práctica co obxectivo de “visibilizar a posición do estudantes e crear un espacio no que os novos investigadores teñan a oportunidade de falar no seu ambiente”, explican.

O título da cita é un xogo de palabras, recoñece María Alonso. “Leva o bridge, ponte en inglés, porque tratamos de organizar algo no que puidesemos estar xente dos diversos campos de investigación. Tamén incluimos o context, en referencia aos contextos nos que estudamos”, asegura. O certo é que o congreso é un foro aberto, “no que tratamos de evitar esa etiqueta de “xoven” que moitas veces asóciase con novato”.

Segundo explica Laura Torrado, outra das súas organizadoras, “este encontro nace pola necesidade de promover actividades de investigación dentro da Universidade de Vigo deseñadas pór e para estudantes de posgrao; e o desexo de facer visible a posición do alumnado como membros activos da comunidade académica”, xa que como elas mesmas recoñecen “a innovación nesta investigación vén da man das estudantes de doutoramento”. Ademais, ao facilitar a exposición do propio traballo nun contexto aberto permite explorar as diferentes liñas de investigación empregadas nos estudos literarios hoxe en día. “Intercámbianse ideas, fanse contactos, establécense vínculos”, recordan Alba de Béjar e Jeannette Bello, outras das organizadoras da congreso.

Encontro interdisciplinario

Esta conferencia concíbese coma un encontro interdisciplinario no que expertos e expertas en diversas disciplinas terán a oportunidade de debater e contrastar opinións e intereses nun ambiente académico. Para iso durante os dous días que dura o congreso, no que se darán cita posgraos procedentes de todo o mundo, combinaranse paneis de discusión con conferencias plenarias nun intento de promover a mobilidade e de facilitar o acercamento a profesionais máis consagrados. Entre os poñentes atópanse Fran Álvarez, da University of Exeter; Teresa Prudente, da Università degli Studi di Torino; Maggie Ann Bowers, da University of Portsmouth; e Marisa Fernández López, da Universidad de León.

Organizar un congreso non é un traballo sinxelo, e máis cando á vez se está a traballar na investigación e impartindo clases. Iso foi o que se atopou o comité organizador, formado por catro estudantes de posgrao de literatura inglesa, cando comenzou a traballar neste proxecto. Por sorte tiveron axuda. Os profesores Ana Bringas e Jorge Luís Bueno achegáronlles a súa experiencia, para unha cita na que tamén colaboran moitros outros alumnos.