DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade participa nun programa exclusivo subvencionado pola UE

Estudantes de Tradución compiten por quince días de formación intensiva en Magdeburg

Formaranse en tradución xurada a nivel europeo

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 12/01/2010

Acceder a unha praza nun programa de prácticas multinacional especializado en tradución xurídica. Este é o obxectivo que teñen boa parte dos estudantes que esta semana están a asistir ao ciclo de conferencias Contidos xurídicos para a tradución, un último paso para pórse ao día en dereito e ter máis opcións de acadar a prezada meta: quince días de inmersión total no mundo da tradución xurada en Magdeburg (Alemaña) con todos os gastos cubertos.
Aberto aos estudantes dos últimos cursos de Tradución e Interpretación e tamén de Dereito, o IP ou Programa Intensivo no que participa a Universidade de Vigo xunto a outras cinco universidades europeas, permitiralle aos estudantes participantes mergullarse no mundo dos tribunais e da tradución a nivel europeo. “É unha oportunidade interesante e moi valiosa á que dificilmente se podería acceder sen un programa tan exclusivo coma este”, explicaba esta mañá a docente de tradución xurídica Patricia Buxán, que asistiu á conferencia acompañando a varias das súas alumnas, “a quen animei a que se presentaran ao proceso de selección”, engadiu. Sandra López é unha destas estudantes, está a piques de rematar a licenciatura na especialidade inglés-alemán, así que o feito de que sexa en Magdeburg fai desta “unha oportunidade inmellorable”, salienta.

15 días de inmersión xurídica e lingüística

Ao igual ca o ano pasado, cando o encontro tivo lugar na Bretaña francesa, serán trinta os estudantes –cinco de cada unha das universidades participantes- que convivirán durante quince días ao longo do mes de marzo compartindo, ademais das conferencias e obradoiros de traballo, outras múltiples actividades de carácter complementario, que van desde as visitas a tribunais, xogos de rol ou a visión de películas sobre os temas tratados.
O programa permite aos estudantes convivir con alumnado de diferentes países que está a cursar a súa mesma titulación. Ao tempo coñecen por boca dun especialista en Dereito ou en Lingua da outra universidade como funcionan as cousas en cada un dos países participantes, “é un excelente xeito de coñecer os diferentes sistemas xurídicos que conviven na UE, sen necesidade de estudalos propiamente, senón que son os propios expertos de cada un deles os que te introducen nel e te permiten establecer diferenzas con respecto ao teu propio sistema”, insistiu a profesora Iolanda Galanes, coordinadora do IP, xunto a tamén docente Susana Cruces.

A porta a unha formación multinacional e moi especializada

Os programas intensivos son programas de estudo de corta duración nos que participan estudantes e persoal docente de institucións de educación superior de diferentes países co obxectivo de fomentar a ensinanza multinacional sobre temas especializados que, do contrario, non se ensinarían en ningunha institución e que inciden nos aspectos comparativos de funcionamento dos países da UE.
“Unha das cousas que máis valorou o alumnado foi poder acudir a vistas orais, pois permitiron ver en directo como funciona a parte de penal”, indicou Cruces, en relación ao IP do curso pasado cuxa estancia tivo lugar na Université de Bretagne-Sud en Lorient. “O balance desta estancia foi moi positivo, tanto os estudantes coma os propios docentes aprendemos moitísimo. É unha actividade moi intensa na que aprendes moito en moi pouco tempo, pero que resulta tremendamente enriquecedora”, engadiu.

A selección farase a vindeira semana

O ciclo de conferencias que ten lugar esta semana realízase para que o alumnado adquira os coñecementos xurídicos básicos para poder participar no programa, ademais de servirlles tamén para preparar a proba de selección que se levará a cabo a vindeira semana. “Ademais resulta igualmente de interese para o alumnado matriculado en Tradución Xurídica e Tradución Económica”, comentou Galanes, ao tempo que explicou que se trata dunha actividade aberta a todo o alumnado.
Lucía Rouco é unha das estudantes que acude ao ciclo pese a non presentarse ao programa. “O IP atráeme moito pero estou a piques de acabar a carreira e non me apetece perder clases”, insistiu.
Impartidas por profesores de Dereito da propia Universidade, especialistas en Dereito Penal, Dereito de Sociedades e Dereito de Contratos, estas conferencias porán ao día aos estudantes sobre os aspectos básicos destas materias.