DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de tres continentes danse cita no curso de lingua e cultura galega

Foron recibidos polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e co son da gaita

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 03/07/2009

De dez nacionalidades distintas e procedentes de tres continentes, o interese pola lingua e a cultura galega é como nexo común que une ao grupo que ao longo do mes de xullo participará no curso de lingua e cultura galega para estranxeiros.
Organizada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade, esta iniciativa chega este ano á súa terceira edición con máis de vinte matriculados, cifra que representa “unha vantaxe para poder ofrecervos unha aprendizaxe intensiva”, subliñou Xosé Henrique Costas, director da ANL.
Nesta primeira xornada e ao son da gaita, o tambor e bombo, os estudantes coñeceron aos que serán os seus profesores durante estas semanas e foron recibidos polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, que salientou a importancia deste tipo de iniciativas para manter á Universidade en permanente contacto coa sociedade. Esta é unha demanda que se lle fai ás institucións de educación superior que, na súa maior parte se centra na relación co tecido empresarial, para o que “contamos con 10000 convenios con empresas e 20 cátedras para desenvolver iniciativas de proveito para a sociedade”, apuntou Area. Con todo, segundo o vicerreitor, a vertente cultural non pode quedar atrás, “é tanto ou máis importante, polo que ademais de formación gramática, fonética e terminolóxica, neste curso achegarédesvos á cultura galega”. Neste sentido, Xosé Henrique Costas, destacou que non se trata dun curso de inmersión lingüística, “senón tamén cultural para o que contaremos coa participación de escritores, cineastas ou músicos” ademais de poder coñecer a realidade de primeira man cun amplo programa de visitas que inclúe o Baixo Miño, o Morrazo, Celanova, Bande, Monterrei ou Santiago de Compostela.

A lingua como vehículo de transmisión da cultura

O programa de actividades e conferencias tratará non só de temas lingüísticos, senón que se achegará á musica, á sociolingüística, á toponimia, ao audiovisual, á arqueoloxía, á paisaxe, á historia e á natureza. “A lingua é o vehículo transmisor da cultura, se temos unha cultura viva teremos unha lingua viva”, apuntou Area.
Segundo lles explicou o director da Área de Normalización Lingüística no que para moitos era a súa primeira toma de contacto co idioma, “o galego é unha lingua emerxente, pero aínda persisten moitos prexuízos”, polo que os animou a perseverar e no seu empeño por aprender.
Para rematar o acto de benvida, os novos estudantes puideron achegarse de preto a unha das máis importantes representacións da cultura galega, a música tradicional. A Pablo Carpintero e Gustavo Couto, dous dos investigadores que toman parte no Proxecto Ronsel, uniuse o propio vicerreitor para interpretar dúas pezas “do país das 1000 gaitas”, como apuntou Area, e explicáronlles aos asistentes que en Galicia hai máis de 120 instrumentos diferentes, unha boa mostra da riqueza cultural do país.
A actuación espertou o interese especialmente entre dúas estudantes galesas, pola proximidade da súas cultura á galega, ao tempo que outros se decantaban por comezar a explorar o abano gastronómico que ofrece Galicia.

Programa de actividades

O curso desenvolverase en Vigo ata o día 15, cando se trasladará á vila de Allariz ata o seu remate o 27 de xullo. En total tomarán parte nas actividades 22 estudantes entre os que hai galeses, italianos, polacos, armenios, chilenos, romaneses, franceses, españois, brasileiros, noruegueses e ata un hindú.
Os relatorios contarán coa participación de Xosé Lois Vilar, que falará de Prehistoria e arqueoloxía galegas; o profesor e escritor Anxo Angueira que afondará na situación da literatura galega actual; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo que centrará o seu relatorio no Panorama sociolingüístico da Galicia actual; o profesor Gonzalo Navaza, cun relatorio sobre Onomástica e toponimia galegas; Luz Méndez que falará dos Medios de comunicación en galego; o propio Iván Area que os achegará á música galega de onte e hoxe e, finalmente, Antón Dobao que lles explicará o panorama do audiovisual en galego.
Ademais, ao longo destas semanas poderán asistir ás actuacións da Orquestra Nacional do Batallón, Ultreia e Leo de Matamá e realizarán visitas culturais e excursións a Baiona, A Guarda e Tui, aos petróglifos do Val Miñor, ao Museo de Castrelos, á península do Morrazo, Pontevedra e Combarro, aos museos de Allariz, ao Museo Liste e a Oseira, aos Canóns do Sil e ás Médulas, ao castro de San Cibrao de Las, a Celanova e Bande, ao Ecoespazo O Rexo e a Santiago de Compostela así como unha excursión en barco a vindeira semana pola Ría de Vigo.