DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes intercambiarán experiencias nun xantar integramente en inglés

Estudantes de Turismo e do IES Vilamarín comparten un 'lunch'

Trátase dunha iniciativa educativa pioneira que terá continuidade o vindeiro curso

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 21/03/2011
Dentro do traballo de divulgación e transferencia, cada día é máis habitual que a Universidade reciba a visita de estudantes preuniversitarios. O que si é unha novidade é que sexan os propios universitarios os que se trasladen aos institutos a intercambiar coñecementos e experiencias. Isto é precisamente o que farán este martes os alumnos do Grao de Turismo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que compartirán xantar, e en inglés, cos alumnos do IES de Vilamarín, onde se realizan estudos vinculados con esta temática.

Segundo nos explica Elisa Alén, decana da facultade, trátase “dunha iniciativa educativa pioneira” que consistirá nunha comida nas instalacións do IES de Vilamarín á que acudirán arredor de 50 estudantes dos dous centros e na que toda a comunicación será exclusivamente en inglés. Para conseguilo contarase co apoio de profesorado de inglés da facultade e do instituto, que supervisará as actividades ao tempo que promoverá e incentivará a comunicación e intercambio.

Estas actividades de inmersión, explica Alén, non son alleas á facultade xa que dende hai anos vén realizando un Programa de Inmersión para profesionais. “Nesta ocasión o que se trata é de incluír a actividade dentro do programa formativo para os estudantes do Grao en Turismo, o cal supón unha auténtica novidade como complemento formativo no Campus”, explica a decana de Ciencias Empresariais e Turismo.

Ante a excelente aceptación que tivo a iniciativa entre o alumnado, por parte da facultade preténdese que esta primeira comida sexa a punta de lanza para un programa máis ambicioso e completo no marco da colaboración entre os dous centros en materia educativa. Un programa que podería comezar a desenvolverse no curso 2011/12.

Dende a facultade queren salientar ademais a importancia deste tipo de actividades, que permiten abranguer a formación dos estudantes alén do eido universitario. “En pleno proceso de adaptación e consolidación no Espazo Europeo de Educación Superior procúrase a maior implicación posible coa contorna social ourensá, convertendo iniciativas coma esta nunha referencia en actuacións pioneiras educativas no seo do Sistema Universitario Galego” destaca Elisa Alén.