DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun curso de Literatura Hispánica organizado pola profesora Dolores Troncoso

Estudantes universitarios axudan aos presos de A Lama a fuxir da realidade a través de contos contemporáneos

Música, teatro e entrega de diplomas na clausura do programa

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 15/06/2009

Nun escenario atípico e diferente, pero á vez enriquecedor e un tanto atractivo, nove alumnos de Filoloxía Hispánica puxeron en práctica o labor que van desenvolver no seu futuro profesional. Ao longo de dous meses, dúas horas á semana, catro estudantes de cuarto curso e cinco de quinto impartiron clases a un grupo de 13 presos da cárcere de A Lama. Trátase dunha experiencia única para estes mozos, coordinados pola profesora Dolores Troncoso, que tiveron a oportunidade non só de practicar a que será a súa profesión senón de achegarse a unha realidade á que non todos temos acceso, un mundo a parte onde o día a día é diferente e actividades como esta supoñen un xeito de evasión para os miles de presidiarios deste centro, pertencentes a 56 países de todo o mundo.
O pasado venres celebrouse a clausura do curso na que se fixo entrega de diplomas. Un acto amenizado pola representación da obra Mendigando Amor de Muaca Teatro e a actuación dun grupo musical composto polos propios presos.

Evasión a través dos contos

Por terceiro ano consecutivo, Dolores Troncoso, directora do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, foi a encargada de organizar este curso que, nesta edición, ao igual que na anterior, xirou arredor de diferente contos contemporáneos. “O primeiro ano optei polas novelas, pero a lectura resultáballes máis complexa, pola lonxitude e tamén pola imposibilidade de ter exemplares para todos”, explica Troncoso.
Dende o 11 de marzo e ata o 27 de maio, todos os mércores alumnos e profesora desprazábanse ata A Lama para impartir a clase de 17.00 a 19.00 horas. Un total de dez contos formaron o programa deste ano, dende Maese Pedro el organista de Gustavo Adolfo Bécquer a Lo mejor eran los pájaros de Fernando Aramburu. “A experiencia é moi positiva”, sinala Troncoso, “os internos amosan moito interese, participando e discutindo argumentos e técnicas”. A profesora declaraba, unha vez entregados os diplomas, que “os meus estudantes de aquí ensináronme a disfrutar o momento, algo ao que cando estamos fóra non lle damos valor, foron clases vivas, cheas de enerxía; sodes uns alumnos excelentes”, concluía Troncoso.
Nesta liña tamén se expresaba José Antonio Gómez Novoa, director da penitenciaría, “cada día amosades que sodes capaces de todo”, pois alí ofréceselle a oportunidade de realizar cursos de índole diversa, dende panadería, cantería, literatura... ata a posibilidade de comezar ou completar os seus estudos a través da Escola (EPAPU) do propio centro onde os presos poden acceder ao sistema educativo, dende a alfabetización ata a Universidade, acudindo os profesores ao centro ata o nivel de secundaria e grazas ao estudo a distancia nos niveis superiores. O seu director, Juan Carlos Villar, sinalaba estas actividades “como unha maneira de evasión, de coñecer outros mundos”. 500 alumnos son os que están matriculados este ano, “unha cifra que se queda curta se temos en conta os 710 que se quedaron fóra ante a falta de profesorado” apuntaba Villar.

Experiencia única e extraordinaria para o alumnado universitario

Florian, Mathieu e Ludivine son tres estudantes franceses que están este ano en Vigo e que, sen dúbida algunha, se ofreceron voluntarios para participar no curso. “Foi unha experiencia fenomenal, nunca antes fora a unha cárcere e estou abraiado da actitude positiva dos presos, cando menos durante as clases”, sinala Florian. En xeral todos participaban e daban a súa opinión, “aínda que algúns falan máis ca outros, supoño que hai xente máis dada a intervir e falar en público e outra máis introvertida”, subliña Mathieu. Os tres volverán en poucos días á súa terra e, “entre outras aventuras, está será unha que hei de contar, estou moi contenta de formar parte deste equipo e contribuír a que estas persoas pasasen un bo rato”, comenta Ludivine.
Soledad Cuba e David Pérez, alumnos de quinto de Filoloxía Hispánica, tamén participaron no curso. Os dous destacan que a través desta iniciativa “puidemos dar clase de verdade, indo máis alá das típicas exposicións de traballos na clase”. Dando por feito que os presidiarios traían o texto lido, “introducíamos ao autor e xa entrábamos en debate; eran unhas clases máis prácticas que teóricas coa finalidade de que eles se animasen a participar”.

Unha tarde para desconectar do día a día

Nun centro onde a monotonía é quizais a característica que mellor o describa, eventos como o do pasado venres rachan con ela e ofrecen un intre para que estas persoas, carentes de liberdade, se evadan da realidade e gocen da música e do teatro.
Preto de 300 presidiarios ateigaban o salón de actos do centro penitenciario, que quedaba pequeno se temos en conta os case 2000 presos que se atopan na Lama, para asistir á clausura do curso. Muaca Teatro foi a encargada de inaugurar a tarde coa representación da súa obra Mendigando amor, unha comedia divertida e que a todos sacou un sorriso, na que se afonda no mundo das emocións femininas, unha historia de mulleres que viven o desamor, equivócanse e, sen embargo, ao final, atopan o bo camiño.
Despois da posta en escena, Dolores Troncoso; a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza; Antonio Gómez, director de Relacións Institucionais de Caixanova, entidade colaboradora; José Antonio Gómez e Juan Carlos Villar fixeron entrega aos alumnos do curso de literatura os seus diplomas acreditativos. Danyl, un eslovaco que participou no curso, valorou as clases de xeito moi positivo, “gustoume moito aprender cousas sobre escritores españois, pois ata o de agora só coñecía a literatura do meu país; foi unha experiencia para repetir”, subliñaba. Pero os galardóns non quedaron aí, os “diplomados” quixeron agradecer a colaboración da Universidade de Vigo e de Caixanova obsequiándoos cuns obxectos realizados manualmente con papel de xornal prensado, madeira e outros materiais.
Finalmente, un grupo musical composto por seis presidiarios deleitaron ao público cun repertorio de temas máis e menos actuais, que animaron aos asistentes a bater as palmas e a cantar todos xuntos a parte máis coñecida das cancións. Unha acción que fixo esquecer a calquera o lugar onde nos atopábamos.