DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Levouse a cabo de xeito telemático debido á pandemia

Estudantes da UVigo obteñen o segundo posto na liga de debate LEDU Stem de Telefónica

Raquel Fdez. Vieitez e Guillermo Fdez. Sánchez son alumnos da Escola de Enxeñería Industrial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 18/05/2021

O equipo da Universidade de Vigo formado polos estudantes da Escola de Enxeñería Industrial Raquel Fernández Vieitez e Guillermo Fernández Sánchez  acaba de facerse co segundo posto do torneo LEDU,  Liga Española de Debate Universitario, para estudantes STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) que promove Telefónica para fomentar as habilidades dialécticas dos futuros profesionais científicos e tecnolóxicos e que, debido á pandemia, se levou a cabo de xeito totalmente telemático.

Os dous están a piques de titularse no Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e nunca participaran en ningún torneo similar. “Ningún dos dous fixeramos nada relacionado co mundo dos debates, ambos comezamos este curso e o certo é que foi unha experiencia xenial”, salienta Fernández Vieitez, ao que engade que “estamos moi satisfeitos con ter participado e, dalgún xeito, axudar a demostrar que os debates e a oratoria non só é algo de letras, senón que está ben que se fomente en todos os campos”.

Participaron estudantes de oito universidades españolas

O torneo congregou a estudantes de oito universidades españolas, todas elas con Cátedra Teléfonica  - Carlos III, Deusto, Francisco de Vitoria, Las Palmas de Gran Canaria, Politécnica de Madrid, Pompeu Fabra, Sevilla e Vigo-, acadando o primeiro posto o equipo da Universidade Politécnica  de Madrid e quedando finalistas, ademais de Vigo, a Universidad Carlos III de Madrid e a Universitat Pompeu Fabra.

O debate final formulouse en torno á pregunta de si a sociedade está protexida, persoal e socialmente, fronte ao control dos algoritmos e nel os diferentes equipos argumentaron tanto a favor como en contra, converténdose nun torneo cunha dialéctica moi viva, con numerosas referencias ao ordenamento xurídico, á necesaria e imparable dixitalización, así como á importancia de adquirir competencias dixitais, á equidade e á igualdade.

A través deste torneo pioneiro en España, Telefónica e a LEDU fomentan e impulsan as coñecidas como habilidades soft ou blandas que implican desenvolver competencias en argumentación, intelixencia emocional e empatía, manexo do tempo e o estrés, traballo en equipo, espírito crítico e innovador, creatividade, resolución de problemas... e, en xeral, todas as capacidades que permiten combinar a eficacia e a efectividade e que son moi apreciadas polas empresas.