DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión celebrada este martes

Estudantes de Xestión e Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado acordan estudar todas as posibilidades para a implantación do grao

O vicerreitor de campus e o decano da facultade tamén estiveron presentes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 31/03/2009

A Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado, o decanato da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e unha representación do alumnado de Xestión e Administración Pública reuníronse este martes e acordaron “estudar todas as posibles solucións”, en palabras do vicerreitor, para responder ás demandas que o alumnado presentou nos últimos días esixindo “a implantación do grao de xeito que poida optar a el toda a xente que agora está cursando a diplomatura”.
A demanda do estudantado está impulsada polo feito de que “á hora de opositar a diferenza entre ser diplomado ou ser graduado é moi grande”, sinalou Víctor Santana. “Iso repercute na calidade de vida que poida ter o diplomado e está claro que iso lle importa á Universidade porque, por dicilo dalgunha maneira, ten que deixar o pavillón ben alto”, apuntou. Antonio García Pino, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, explicou que a vontade da Universidade é “que o alumnado saia cos niveles de preparación máis altos posibles” pero tamén ten “a obriga de manter a docencia nas diplomaturas no ritmo de extinción que se nos marca que é a curso por ano”. A conciliación destas dúas situacións, explicou, implica “vantaxes pero tamén inconvenientes porque teñen que coexistir á vez a ensinanza de diplomatura e grao”.

Nova reunión despois de Semana Santa

A partir de agora, e ata que despois de Semana Santa, cando as partes se volvan reunir, a Vicerreitoría estudará as opcións sobre as que seguir traballando. Pino comentou que “existen grandes posibilidades de adoptar unha solución que evite que os alumnos teñan que esperar catro anos” porque ao tratarse dunha diplomatura que se transforma en grao, “hai un custe previo xa asumido que é axustable”. Pola súa banda, Santana, comentou ao respecto que “a solución, veña como veña, dános igual, só queremos que se nos escoite e se lle dea solución ao problema”. Neste sentido, a Vicerreitoría estudará as posibles vías de solución e sinalará cal é a máis favorable “para despois concentrar as enerxías nela e traballar no resto de aspectos”, explicou Pino. Entre eles as enquisas sobre as expectativas dos alumnos ou a cuestión dos espazos.
En calquera caso, a solución que se acorde debe “ser extensible a todos os centros porque temos unha pauta marcada pola Comisión Académica que di que cousas hai que considerar para facer unha implantación de máis dun curso”. “Queremos cinguirnos a iso e a Universidade porá todos os seus esforzos niso”, apuntou Pino.
A reunión foi convocada polo vicerreitor do campus, Jesús Hernández, que a semana pasada recibiu as queixas dos estudantes na Casa das Campás, e nela tamén estiveron presentes a vicexerente do campus, Ángeles Hermida, e o decano en funcións da facultade, Alberto Pena, quen fixo unha valoración “positiva” do encontro “porque se puxo sobre a mesa unha preocupación do alumnado e adquiriuse o compromiso por parte da Vicerreitoría de estudar un plan de viabilidade”. “En calquera caso”, sinalou “un paso máis para chegar a un acordo no que a Universidade e os alumnos queden suficientemente protexidos”.