DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus celebrou este venres o acto de apertura de curso do Programa para Maiores

A estudar, que para iso non hai idade

Alberto Vaquero asumiu a dirección en Ourense destas Aulas de Formación Aberta

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 25/10/2013
Son persoas con máis de 55 anos e son probablemente tamén os estudantes que veñen cada día ao campus con máis ganas de aprender novas cousas e de vivir novas experiencias. O alumnado do Programa para Maiores de Ourense, das Aulas de Formación Aberta da Universidade de Vigo, celebrou este venres o seu acto de apertura de curso. Nel fíxose unha presentación xeral do que será para eles e elas este ano académico e tamén se deron a coñecer algunhas das súas novidades, entre as que está un cambio na súa dirección, que pasa a asumir Alberto Vaquero, docente e director da Área de Descentralización do campus.

“Abrimos este ano unha nova etapa para o Programa para Maiores na que desexamos seguir desenvolvendo máis e mellor este espazo educativo e facémolo sen deixar de recoñecer a nosa gratitude coa que foi a súa directora durante tantos anos, a profesora Josefina Pato”, destacou María Lameiras, vicerreitora do campus. É, salientou, un novo curso académico “no que desexamos que sigades medrando, aprendendo e compartindo connosco tantos bos momentos”. Nesta edición, explicou Alberto Vaquero, arredor de 110 persoas con máis de 55 anos están matriculadas nestes estudos, que dependen da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais. Este ano o Programa conta con 28 novos estudantes matriculados en primeiro, sendo en total 74 as persoas inscritas no seu Ciclo Intensivo, que se estrutura en tres cursos académicos nos que o alumnado recibe formación interdisciplinar a través de materias propias e actividades complementarias. As demais persoas realizan o chamado Ciclo de Especialización, de dous cursos de duración e no que se estudan materias pertencentes ás diferentes titulacións oficiais da Universidade.

Empezando con moitas ganas

O novo coordinador desta etapa quixo lembrar a súa experiencia cando dez anos atrás comezou a súa vinculación con esta iniciativa ao se lle encargar impartir unha materia de economía. “Para calquera docente sodes un público único e incomparable co que se chega a ter unha conexión moi especial”, recoñeceu Vaquero, facendo fincapé no perfil activo nas aulas destes estudantes e na perspectiva que lles proporciona o feito de que veñen á Universidade non a buscar un futuro profesional senón a aprender e a seguir medrando como persoas. Traballando nesta liña, entre as novidades deste ano para o Programa, o seu coordinador destacou a posta en marcha dun apartado propio na web do campus, o uso da plataforma Faitic e o estreitamento dos lazos coa contorna ourensá.

Entre este alumnado estiveron no acto de benvida estudantes como Orlando Iglesias, que, despois de dedicarse na súa vida profesional ao sector das telecomunicacións, está no Programa para Maiores cumprindo “a inquedanza de seguir aprendendo e de aproveitar o tempo que teño con cousas que me gustan, como por exemplo no meu caso as ciencias”. “A medida que pasan os cursos, as clases fanse máis difíciles pero a experiencia é moi positiva porque aprendes moitas cousas, mantés o tempo ocupado e coñeces moita xente”, engadía Margarita Gómez, que despois de xubilarse como administrativa está de novo na Universidade para estudar, unha das cousas para as que a idade non é relevante.