DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado pola investigadora da UVigo Sara Torres e seleccionado pola Cátedra do Camiño da USC

Un estudo aborda como o consumo influíu na configuración urbana comercial de Santiago de Compostela

A través de cuestionarios a 200 comerciantes e hostaleiros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 14/12/2023

Afondar no infuencia que ten o consumo na configuración urbana comercial de Santiago de Compostela, prestando especial atención ao fenómeno das peregrinacións e a como estas afectan ás dinámicas comerciais. Este foi o obxectivo central da investigación Análise da oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño, coordinada pola investigadora da Universidade de Vigo Sara Torres e realizada ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) promove en colaboración con Turismo de Galicia.

Coordinado por esta docente da Facultade de Dirección e Xestión Pública, no estudo participaron tamén a profesora da UVigo Silvia Pérez Freire e a investigadora predoutoral da USC Irina Malyuchenko e permite pór de relevo a importancia da análise comercial "na comprensión da dinámica socioeconómica e territorial" dunha cidade, "non só pola transformación nos hábitos de consumo, senón tamén pola mestura de consumidores: poboación local, visitantes e turistas", sinalan as investigadoras. Trátase dun dos tres estudos financiados neste 2023 por esta cátedra da USC e baseáse en 200 cuestionarios realizados a comerciantes, hostaleiros e profesionais localizados nos eixes de entrada dos camiños xacobeos, no ensanche da cidade e na súa zona vella. Estes permitiron constatar que a maioría dos negocios continúa enfocado á clientela local, "aínda que recoñece que o aumento de turistas e a desestabilización do turismo produciu cambios no tecido comercial da cidade".

A clientela habitual, a máis apreciada

Tal e como se desprende do estudo, a maioría da clientela dos establecementos participantes reside no proio municipio de Santiago ou noutros da súa contorna, aínda que tamén rexistraron visitantes de fóra, principalmente de Portugal e Brasil, seguidas doutras nacionalidades europeas, como Italia e Alemaña. Así mesmo, as investigadoras detectaron tamén, en menor medida, clientela procedente de Estados Unidos, de países de América Latina e do continente asiático. 

Dos cuestionarios realizados despréndese tamén que “non existe un perfil de cliente non desexable de maneira clara, porque todos son necesarios para manter a vida dos negocios, aínda que nalgún caso nárrase unha experiencia concreta non desexable”, apunta Torres Outón. A maioría dos establecementos, explica, considera a clientela local como a máis desexable, por realizar compras continuamente, aínda que outros sinalan á procedente do estranxeiro. Alén da súa procedencia, as e os participantes fan constar que “existe unha clientela aprecidada, que é a habitual, que realiza compras para a familia, e o estudantado universitario”, explica a investigadora. 

Por outra banda, os participantes no estudo afirmaron non percibir cambios significativos na súa actividade durante a tempada turística, en parte porque esta “xa non é tan estacional”. Porén, á vez que consideran que a chegada de visitantes non afecta significativamente a oferta dos seus establecementos, unha porcentaxe considera "que a oferta doutros establecementos si se ve afectada", sinala Torres. 

Así mesmo, os profesionais participantes neste estudo sosteñen que a zona vella da cidade non debería reservarse principalmente para o turismo, xa que “isto só contribuiría a facer deste espazo un parque temático”, conclúe a investigadora tomando como referencia as respostas recollidas nesta investigación.