DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizado polos profesores Deibe Fernández-Simo e Xosé Manuel Cid

Un estudo aborda a transición á vida adulta de persoas tuteladas

Os resultados foron publicados na revista da Sociedade Española de Pedagoxía

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/06/2018

A mocidade extutelada polo sistema de protección á infancia e á adolescencia enfróntase ao proceso da emancipación inmersa nunhas condicións de especial complexidade. O seu paso a un vida adulta plenamente independente está condicionado polo seu itinerario vital e polas competencias adquiridas durante a tutela. Co obxectivo de afondar nesta transición, os profesores da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Deibe Fernández-Simo e Xosé Manuel Cid Fernández desenvolveron un estudo cuxos resultados veñen de ser publicados. 

Baixo o título Análise lonxitudinal da transición á vida adulta das persoas segregadas do sistema de protección á infancia e á adolescencia, o traballo publicouse na Revista de Pedagogía Bordón, editada pola Sociedade Española de Pedagoxía. O estudo, sinalan os seus autores, analiza os primeiros meses fóra do acollemento residencial ou familiar, o proceso de transición á vida adulta, de once persoas extuteladas. A metodoloxía empregada foi unha investigación cualitativa lonxitudinal mediante observación participante de casos e entrevistas para a construción de relatos de vida. A orixe do traballo, sinalan os seus responsables, sitúase na vontade de dar continuidade á tese de doutoramento realizada por Fernández-Simo e dirixida por Cid titulada Intervención socioeducativa con menores en protección. Itinerarios persoais, académicos e laborais.

Na investigación, explican os profesores da Universidade de Vigo, queda en evidencia as dificultades que teñen que afrontar estes rapaces e rapazas que se ven obrigados a facer a transición á vida adulta en tempo máis curto e con menos apoios que outros iguais a elas e eles. “As vivencias que deron orixe ao expediente de protección teñen consecuencias no itinerario vital. O fracaso escolar, as relacións contextuais e sociais marcadas pola vulnerabilidade e o imperativo acceso temperán ao mercado laboral son factores que determinan os camiños á emancipación”, sinalan Fernández-Simo e Cid no artigo. 

Implicación, emprego e segundas oportunidades

Os resultados obtidos da investigación apuntan a “déficits de participación na toma de decisións dos asuntos de interese para os itinerarios vitais; incidencia da formación no acceso e mantemento dun emprego; ausencia de apoios sociais e maior adquisición de competencias para a vida independente nos recursos especializados na emancipación”. As conclusións do traballo, sinalan Deibe Fernández-Simo e Xosé Manuel Cid subliñan, apuntan a que “o acompañamento socioeducativo do sistema de protección ten pendente priorizar o adestramento das competencias precisas para a autonomía na vida adulta”. 

Entre as cuestións destacadas nos resultados do estudo están a necesidade de dar visibilidade aos tutelados e tuteladas na toma de decisións dos asuntos que lles son de interese. “A conveniencia de dar voz a mozos e adolescentes radica na identificación das metas como propias e no respecto aos dereitos recoñecidos pola normativa vixente”, recolle o artigo. No texto os profesores da Facultade de Ciencias da Educación tamén poñen o aceno nos déficits no eido formativo, apuntando como “o itinerario formativo debería ser unha prioridade na construción dos proxectos individualizados”. A cuestión formativa, detallan, amósase como un factor decisivo para a inserción social e o acceso e permanencia no emprego é imprescindible para unha vida en condicións dignas. Neste círculo, os profesores salientan como “o emprego actúa como principal elemento estabilizador e permite manter os gastos propios da vida diaria. De tal forma, itinerario laboral e vivenda van da man”. 

Outro dos puntos sobre os que incide o estudo é na “segunda oportunidade” para estes rapaces e rapazas extutelados. Así, os investigadores recalcan como “posibilitar unha segunda oportunidade, con acompañamento socioeducativo especializado, é preciso en traxectorias marcadas pola reversibilidade”. “Parece razoable que a mocidade en dificultade social conte cuns meses de marxe para valorar o retorno á cobertura do sistema de protección durante un período determinado que posibilite que se garantan os estándares mínimos de calidade no apoio para a transición á vida adulta”, recolle o artigo. A voluntariedade da entrada, así como a motivación de logro, posibilitarían a superación de metas pendentes segundo os autores do traballo. 

“A presente investigación achéganos a conveniencia de iniciar unha reflexión profunda da posibilidade de retorno aos recursos de protección nos primeiros meses de vida independente”, comentan Fernández-Simo e Cid. A demanda, detallan, é acorde coa lóxica da eficiencia e da eficacia dos recursos públicos. “Os resultados apuntan a que o acompañamento se vería facilitado polo incremento na valoración da oportunidade que supón o apoio dos equipos profesionais, especialmente notable tras unhas semanas de vida como persoa independente”, sinalan os autores, que fan fincapé en como a segunda oportunidade incrementaría os niveis de éxito da integración social efectiva da mocidade extutelada.