DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora de Ciencias da Educación e do Deporte Tania García prevé estudar a postura de 370 pe

Un estudo analiza a “hixiene postural” diante da pantalla do persoal da Consellería de Sanidade

O obxectivo e desenvolver intervencións terapéuticas en base aos resultados obtidos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 28/03/2016

As lesións músculo-esqueléticas son a primeira causa de baixa laboral en España e, dentro delas, os problemas cervicais constitúen unha patoloxía que sofren máis do 40% dos traballadores e traballadoras, segundo os datos da Organización Internacional do Traballo (OIT). En moitos dos casos, trátase de doenzas que afectan a persoal que pasa a meirande parte da súa xornada laboral sentado diante dunha pantalla, polo que unha correcta “hixiene postural”, o seguimento dunha serie de pautas relativas á súa postura e movementos, resulta decisiva á hora de evitar futuros problemas. Así o destaca a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Tania García, quen se atopa actualmente analizando o impacto que teñen as pantallas na postura de cabeza e columna cervical dos traballadores e traballadoras da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, co propósito de definir unha serie de recomendacións e intervencións que permitan diminuír as dores músculo-esqueléticas derivadas de pasar a xornada laboral diante do ordenador.

“Entendemos por hixiene postural unha serie de normas para manter a postura e realizar movementos e esforzos minimizando a carga da columna vertebral”, sinala esta investigadora do grupo GIES-10, que dirixe a profesora Margarita Pino. García atópase actualmente desenvolvendo unha investigación que parte do protocolo de colaboración asinado en 2015 entre a Universidade de Vigo e a Consellería para a promoción de estilos de vida saudables, a raíz do que puxo en marcha un estudo dirixido a analizar “de maneira individualizada” a postura de cabeza e columna dunha mostra de 372 traballadores e traballadoras da Consellería, co propósito de deseñar, en base aos resultados obtidos, posibles intervencións terapéuticas.

Patoloxías de tipo acumulativo

“Investigacións precedentes indican que a posición adiantada da cabeza é comunmente adoptada polos traballadores de oficina, o que implica unha flexión da zona cervical inferior e a extensión da zona cervical superior”, sinala García, que subliña que esta postura adoita “producir unha maior comprensión das articulacións da columna cervical, o que resulta un risco de trastornos-músculo esqueléticos no pescozo”. Concretamente, o traballo diante das pantallas pode dar pé a patoloxías como cervicalxia ou problemas no túnel carpiano, que “soen ser de tipo acumulativo”, e ás que se suman problemas visuais ou fatiga mental. “Este tipo de patoloxías atópanse dunha maneira moi frecuente neste tipo de traballadores”, sinala esta investigadora, que alude aos datos da OIT para sinalar que os problemas cervicais afectan a entre un 40 e un 49% dos traballadores, mentres que entre un 10% e un 19% presenta problemas nos pulsos.

Nese senso, o proxecto Análise descritivo-interpretativa sobre o impacto da pantallas de visualización de datos (PVD) na postura da cabeza e a columna cervical, céntrase precisamente naquel persoal cuxo traballo se desenvolve diante dun ordenador e que non tivesen padecido previamente doenzas como fracturas ou cirurxías cervicais, escoliose idiopática, cáncer de óso, trastornos neurolóxicos do movemento ou enfermidades do sistema nervioso central. Concretamente, para este proxecto, cunha duración estimada de 16 meses que actualmente se atopa “en fase de intervención, recollendo os datos da mostra”, prevese realizar un estudo individualizado de 372 dos traballadores e traballadoras da Consellería, aos que tamén se lles pregunta polo uso de tabletas, teléfonos móbiles ou televisores, “posto que consideramos a posibilidade de que o uso destas tamén poida interferir na postura”, sinala García, que ata o de agora realizou xa está análise con preto de 90 participantes.

Unha análise a través da fotogrametría

Cada un deles debe responder unha serie de cuestionarios que miden os hábitos e os índices de actividade física, a escala de dor e discapacidade cervical e a calidade de vida, para posteriormente realizar unha análise postural mediante o uso da fotogrametría, a realización de fotografías tres metros por riba do suxeito para posteriormente analizalas cun software de evolución postural. Cos resultados deste proceso, que se desenvolve de xeito voluntario e preservando o anonimato dos participantes, está previsto xerar un informe individualizado sobre a postura corporal e nivel de actividade física de cada traballador e traballadora, así como un informe xeral para a propia Consellería.

Mais os resultados que se obteñan desta análise postural tamén contribuirán ao desenvolvemento de pautas e protocolos de actuación que poidan ser implantados pola propia administración. “O obxectivo é tamén que os traballadores coñezan cal é a súa postura e que poidan tomar medidas en relación ao resultado do seu informe”, motivo polo que se incluirán neste unha serie de "exercicios a realizar, posturas a evitar e recomendacións de actividade física”, explica esta investigadora.

Do mesmo xeito, esta alumna de doutoramento tamén prevé que os resultados deste informe poidan dar pé a liñas de investigación futuras, vinculadas ao deseño e implantación dun programa que, “mediante unha intervención pormenorizada de reeducación e hixiene postural”, contribúa a diminuír a dor músculo-esquelética dos traballadores. Ao mesmo tempo, a análise, a través dos cuestionarios, dos niveis de actividade física dos e das participantes permitirá tamén establecer “posibles diferenzas patolóxicas en función do nivel de actividade”, posto que, como se recolle no informe deste proxecto, diferentes estudos teñen demostrado recentemente que a práctica de exercicio constitúe un factor protector da dor de costas.