DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado polos investigadores do grupo Gen da UVigo Alberto Vaquero e Santiago Lago

Un estudo avoga por unha prestación estatal para nais e pais con redución de xornada ou excedencia por coidados

O traballo foi feito para a Federación Española de Familias Numerosas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 29/12/2022

Investigadores do grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo veñen de avaliar nun estudo o impacto das medidas para favorecer a conciliación laborar e familiar das familias numerosas durante 2022, tomando como exemplo políticas de varias comunidades autónomas e países como Francia ou Alemaña. O traballo, feito para a Federación Española de Familias Numerosas (FEFN), apunta a necesidade de que se compense o coidado de fillas e fillos cunha prestación estatal para aminorar a perda económica que sofren as familias que optan por reducir a súa xornada de traballo ou coller unha excedencia durante un tempo por razóns familiares. O obxectivo desta medida sería favorecer a conciliación e a corresponsabilidade de xénero, poñendo o foco en que por cada dez excedencias, nove son de mulleres e unha de homes.

O estudo, levado a cabo polos profesores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense Alberto Vaquero, investigador principal, e o catedrático Santiago Lago, é o cuarto que realizan para a FEFN co respaldo do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Nel, indican en nota de prensa desde a federación, analízase a viabilidade e o impacto dalgunhas medidas de apoio económico ás familias, que “pretenden aliviar a presión que senten en materia de conciliación e no económico, as dúas cuestións que máis lles preocupan e encabezan as razóns polas que en España non se teñen máis fillos, segundo o último estudo da FEFN sobre as familias numerosas”.

Concretamente, no traballo realizado analízase a viabilidade da prestación económica por redución de xornada ou excedencia, que xa existe con contías e duración variable en varias comunidades autónomas, como Galicia, Navarra, La Rioja, País Vasco, Castilla-La Mancha e Castilla y León, pero non a nivel estatal, o que, a xuízo da FEFN, “agrava as diferenzas de protección que sofren as familias en España, segundo onde vivan”. A investigación toma tamén como referencia o exemplo de países como Francia ou Alemaña, onde “existe unha aposta clara pola conciliación con diversas medidas de permisos remunerados e prestacións, que perseguen, e conseguiron, mellorar a corresponsabilidade e reducir a fenda entre homes e mulleres en temas de conciliación e emprego”. En España, detallan, “a maior número de fillos, menor é a taxa de ocupación feminina, mentres que en Francia é catro puntos por rida da española e nove puntos por riba da media europea”, indican desde a federación como exemplo de que as “políticas de conciliación funcionan e permiten mellorar os indicadores laborais das persoas beneficiarias”.

Nove excedencias de mulleres por cada unha de homes

No eido da conciliación, o estudo pon o foco nas mulleres, “posto que son as nais as que, a pesar das políticas de igualdade e corresponsabilidade dos últimos anos, seguen asumindo maioritariamente o coidado dos fillos”. Segundo datos do Módulo de conciliación entre a vida familiar e laboral da Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2018, recolle o traballo, “de cada dez excedencias laborais por coidado de fillos, nove son de mulleres e só unha de homes”. Neste sentido, o estudo, que calcula o custo da medida aplicada sobre homes e mulleres, incide na necesidade de mellorar a corresponsabilidade para reducir a fenda de xénero en temas de emprego, e destaca como a prestación por coidado de fillas e fillos e outras medidas de apoio “poderían axudar a que as nais non sexan as grandes prexudicadas”.

A investigación conclúe que “é preciso abordar o impacto de aplicar políticas de apoio específico ao sector dos coidados para aquelas persoas traballadoras, principalmente mulleres, que se acollen a excedencias ou reducións de xornada, por exemplo, mediante o establecemento dunha axuda por coidado de fillos ou fillas ou algunha vantaxe fiscal en materia de contratación de coidadores”. Sen dúbida, “este tipo de actuacións favorecerán a conciliación laboral e familiar”, destaca Alberto Vaquero, profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e un dos autores deste estudo, xa que “non existe subvención estatal xeneral para compensar a redución de xornada por coidados familiares, nin axuda económica directa estatal”. Esta medida, engádese no estudo, complementaría a achega non monetaria estatal pola vía das cotizacións sociais e garantiría unha maior igualdade de oportunidades ao colectivo feminino.

Froito destes datos, a Federación Española de Familias Numerosas cre necesario que se reforce o apoio económico ao coidado de fillos, mediante a creación dunha prestación estatal que compense aos pais e, sobre todo, ás nais, que reducen a súa xornada ou fan unha paréntese laboral por razóns familiares, “con medidas que sexan realmente eficaces” porque “en España existe o dereito a coller unha excedencia por coidado de fillos, pero moitas familias non o fan porque non poden prescindir deses ingresos. Isto, á súa vez, frea a moitas familias á hora de ter máis fillos, algo que é un desexo expresado, pero que non se fai precisamente pola conciliación e a cuestión económica”, explican desde a entidade. Igualmente, a FEFN destaca “a sensibilidade do Goberno coa conciliación e a corresponsabilidade e lamenta que a Lei de Familias quede curta neste tipo de medidas, xa que se establecen unha serie de permisos por coidado de fillos, pero limitado a uns días ao ano para atender cuestións puntuais de saúde ou emerxencias familiares”. Fai falta, indican desde federación, “unha prestación ampla e que chegue a todas as familias, á marxe da súa situación económica, por coidado de fillos, que dea ás familias o soporte económico e o tempo que necesitan para criar e atender aos seus fillos, sobre todo na primeira infancia”.