DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigación foi desenvolvida polo Grupo de Investigación en Educación e Saúde, en colaboración c

Un estudo comproba que a efectividade dos socorristas diminúe ata o 20% por mor da fatiga do rescate

Apunta como solución dotar ao socorrista do material profesional de rescate que lle permita reducir

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 03/05/2010

Un dos primeiros traballos que atopan os licenciados e licenciadas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte é de socorrista. Aproveitando esta tendencia os membros do Grupo de Investigación en Educación e Saúde (GIES) da Universidade de Vigo decidiron levar adiante unha investigación para valorar se os titulados están capacitados para resolver con éxito o rescate. Segundo os resultados obtidos, en estado de repouso, o 90% deles é capaz de realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP) óptima. Non obstante, practicamente ningún fai unha reanimación efectiva despois do esforzo que require un rescate estándar. Logo de correr 50 metros e nadar 75 a efectividade da RCP caeu ata o 20% entre a vintena de persoas que participaron na investigación.
Este estudo foi coordinado polo profesor Roberto Barcala e desenvolveuse en colaboración co grupo Grupo de Investigación en Actividade Acuática e Socorrismo (GIAAS ) da Universidade da Coruña (UDC), dirixido por José Palacios Aguilar. O equipo completo integrárono, polo tanto, investigadores das dúas universidades e o alumnado das licenciaturas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte das dúas institucións que participaron como mostra da investigación.

Relación do cansazo cunha elevada acidose muscular

O estudo desenvolveuse en dúas fases. Na primeira, analizáronse os resultados no grupo de estudantes sen realizar ningún esforzo previo. Para isto empregouse un boneco de reanimación monitorizado por ordenador e controlouse o ritmo cardíaco do socorrista cun pulsímetro. “Deste xeito comprobouse que calquera socorrista en repouso fai unha reanimación efectiva”, sinala Roberto Barcala.
Na segunda fase realizouse unha proba de rescate estándar, na que hai que correr 50 metros por area, nadar 75 metros, recoller a vítima, sacala da auga, arrastrala outros 10 metros ata a area seca e comezar a RCP a máxima intensidade. Deste xeito comprobouse que ningún socorrista pasa dun 20% de efectividade na reanimación que realiza e, polo tanto, non contribúe ás posibilidades de supervivencia da vítima. “Esa porcentaxe é moi baixa, polo que se pode dicir que o 100% non fai unha RCP de calidade por mor da fatiga coa que chega”, engade o profesor Barcala.
Ao longo de todo o exercicio controlouse en varias ocasións o nivel de ácido láctico en sangue dos e das socorristas, indicativo do grao de esgotamento. “A acidose muscular coa que chegan á RCP determina que parte dos erros se deben ao cansazo, pois esta é alta, de 14 milimoles”, explica o profesor.

Maior garantía co material de rescate polivalente

A proba da segunda fase da investigación tamén se realizou facilitándolles aos participantes o Material de Rescate Polivalente Acuático (Marpa) e aletas. Como resultado observouse que o tempo de rescate se reduce nun 50%, a concentración de lactato en sangue diminúe por debaixo de 10 milimoles e a efectividade da RCP sobe por riba do 60-70%. “Pódese dicir que un socorrista sen material nun rescate estándar non ofrece garantías”, comenta Barcala, remarcando a importancia de dispoñer do Marpa. “Nun rescate cada minuto é vital”, lembra o profesor, “pois o proceso total para que a vítima permaneza con vida non pode ser superior a 10 minutos”, engade. Con este estudo púidose comprobar así que un rescate estándar dura uns 5-6 minutos, mentres que con aletas diminúe a 2-3, polo que o socorrista chega menos canso e pode realizar a reanimación en mellores condicións.

Relevancia social do estudo

Roberto Barcala considera que os resultados da investigación son extrapolables para todos os socorristas porque os criterios de formación e os requirimentos físicos son os mesmos para todos. Remarca así a gran relevancia social deste estudo porque, segundo os últimos datos do INE, máis de 1000 persoas morren afogadas ao ano en España. Reforza isto os datos dun traballo realizado por Unicef e a OMS (Organización Mundial da Saúde), titulado World Report on Child Injury Prevention, que sinala o afogamento como a terceira causa de morte en persoas de 14-15 anos, quedando por debaixo os accidentes de tráfico. Estes datos foron os que alentaron ao GIES a desenvolver esta investigación. Ademais, segundo destaca o profesor Barcala, “é o primeiro estudo mundial que se fai en salvamento acuático usando as variables relativas ao esforzo físico”.
O estudo vaise presentar nun congreso mundial de salvamento e socorrismo que se vai celebrar en Chile no mes de outubro e vai ser publicado na revista Resucitation, a máis importante no mundo das urxencias médicas. Así mesmo, vai formar parte da tese de doutoramento de Antonio Bores Cerezal, licenciado pola facultade pontevedresa, que traballa como preparador físico da selección española de fútbol sala.