DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na tese de doutoramento de Genoveva Canals, dirixida por Enrique Valero e Juan Picos

Un estudo contabiliza por primeira vez o almacenamento de carbono dos produtos de madeira en España

Trátase dun cálculo clave para o país na loita contra o cambio climático

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 13/07/2011

“O carbono neto que está almacenado nos produtos de madeira fabricados durante un ano equivale a todos os gases que emiten os tubos de escape de dous millóns de coches circulando uns 15.000 quilómetros ao ano”. Con estas cifras, Genoveva Canals, directora xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Tableros, ANFTA, destacou a importancia da súa tese de doutoramento na que cuantificou o nivel de almacenamento de carbono nos produtos de madeira en España e como este proceso contribúe á mitigación do cambio climático. Trátase dun estudo pioneiro a nivel nacional, “pois é a primeira vez que se contabiliza a cantidade de carbono que os produtos de madeira teñen secuestrado”.

A investigación, dirixida por Enrique Valero, director da Escola de Enxeñaría Forestal e por Juan Picos, secretario do centro, demostrou que os produtos de madeira en España si que actúan como almacéns temporais de carbono, “pois o que conteñen é maior que o dióxido de carbono producido nos transportes, nas transformacións...”, explicou Genoveva Canals, membro ademais do grupo de investigación AF4 da Universidade de Vigo. A importancia deste balance positivo supón a oportunidade para España de combater o cambio climático “dende os efectos de mitigación e de substitución de materiais”. O Protocolo de Cancún “si que aceptou para a xestión da emisión de gases á atmosfera a cantidade de madeira dispoñible en cada país”, e mentres que membros da Unión Europea xa dispuñan de estudos que contabilizan o carbono fixado nos produtos de madeira, “en España partimos de cero, non hai ningún proceso científico, de aí a transcendencia desta investigación”. Contabilizouse a evolución dos produtos de madeira dende 1990 ata 2006, “analizando o incremento que se produce en cada ano e concluíndo que, como media por cada tonelada de madeira consumida, déixanse de emitir dúas toneladas”.

Tal é a relevancia do estudo que o Ministerio de Medio Ambiente “xa comezou a interesarse por esta tese e estamos en conversacións”, aclarou o director da escola. Isto é debido á futura obrigatoriedade imposta pola Unión Europea “de cuantificar o cálculo exacto de emisións que cada país realiza”. O sector industrial “tamén amosou a súa preocupación por este tema, pois queren saber que papel xogan contra o cambio climático”.

Capacidade de mellora

Como apuntou a investigadora, aínda que os datos son positivos, pois o stock dispoñible cubriría case o 4% das emisións do país, “temos moita capacidade de mellora”. Así propoñen impulsar o consumo de obxectos feitos en madeira. O sector da construcción sería clave neste proceso, pero como aclarou Juan Picos, “a madeira está presente na vida diaria, nos produtos agroalimentarios, no transporte, nos zapatos... ata no material informático, que a empregan nos circuítos porque se quenta menos que o plástico”. Engadiron que calquera persoa pode contribuír á redución do efecto invernadoiro “decidindo empregala”, ademais de crer firmemente “que a madeira vai ser o material do futuro”, subliñou Picos.

Impulso ao sector forestal en Galicia

Esta nova utilidade da madeira como fonte de almacenamento de carbono pode supor un revulsivo interesante para o sector forestal en Galicia. Enrique Valero salientou que en Europa previse un déficit de 300 millóns de toneladas de madeira anuais, “unha oportunidade inmellorable para aumentar a nosa presenza no mercado internacional”. Agora ben, “solo hai un pero, a madeira necesita tempo para medrar, polo que agora é o momento de tomar decisións, pois sempre é demasiado tarde para comezar”, concluíu Picos.