DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concedidos pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense

Un estudo sobre o impacto de Facebook no márketing de redes sociais gaña os Premios José Manuel Pérez Canal 2022

Tamén se concederon accésits a traballos sobre a liga de fútbol e a creación dunha empresa apícola

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 15/11/2022

Este martes o campus de Ourense acolleu a entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2022, cos que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense, co apoio da Deputación Provincial, premian os mellores traballos fin de grao deste centro. Nesta ocasión, concedeuse un primeiro premio a un estudo sobre o impacto de Facebook no márketing de redes sociais e dous accésits, un centrado na análise económica-financeira da Liga Española de Fútbol e outro no plan estratéxico para a creación real dunha empresa apícola.

O acto contou coa participación de Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense, e Marisol Novoa, presidente da Confederación Empresarial de Ourense, contando coa asistencia de representantes da contorna socio-económica, familiares de José Manuel Pérez Canal e membros da comunidade universitaria. Nas súas intervencións, as autoridades presentes lembraron a calidade humana e profesional do falecido presidente da Confederación Empresarial de Ourense que dá nome a estes premios e destacaron como estes galardóns son froito da colaboración e do apoio institucional das entidades presentes.

O acto comezou cunha conferencia de Dora Casal, directora executiva de Roberto Verino SA, titulada ADN Ourense: o valor do talento KM0, na que falou desta empresa, da súa evolución e das súas características como empresa familiar, ademais da súa vinculación con Ourense. Seguiu coa entrega de galardóns, que, tal e como explicou Carmen Sampayo, xorden no marco do convenio de colaboración existente entre a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas. As autoridades felicitaron á e aos galardoados, que tiñan que ter acadado no seu TFG unha nota mínima de 9 sobre 10 para participar. Na súa intervención, Elena Rivo agradeceu a colaboración e xenerosidade das entidades presentes na realización destes premios pero tamén na actividade en xeral do campus ourensán. Ademais, puxo de relevo o traballo “moi bo” realizado polos estudantes nos seus traballos fin de grao, polos seus directores de TFG e polos tribunais que os avaliaron. Deste xeito, á e aos egresados galardoados deulles os parabéns en nome da UVigo e desexoulles “moito éxito no voso futuro” lembrándolles que “sempre teredes a Universidade para o que precisedes”.

Primeiro premio

O primeiro premio do Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2022 do Grao en Administración e Dirección de Empresas foi para o traballo titulado O impacto de Facebook no marketing de redes sociais, do xa egresado Andrés Soto e realizado, ao igual que os demais traballos galardoados nesta edición, baixo a dirección do profesor do centro Francisco Javier Sánchez. Neste estudo, indica o seu autor, “preséntase unha explicación e análise do impacto que unha ferramenta tan potente e versátil como Facebook Ads ten sobre a publicidade, a segmentación de mercado e o comportamento de compra nas diferentes redes sociais nas que esta funciona”. Nas súas conclusión, o galardoado destaca que “a elección de Facebook Ads por parte dos anunciantes parece máis que correcta ao tratarse dun conglomerado potente ao contar con numerosas plataformas líderes en número de usuarios, así como con incontables posibilidades de segmentación e ferramentas para potenciar a nosa presenza en redes sociais e contactar con clientes tanto novos como actuais”. Outro punto a favor desta ferramenta, engade, “é o esforzo por innovar en novas e potentes tecnoloxías como a realidade virtual ou Metaverso, nas que ao situarse practicamente como pioneiros, gozarán dun maior control respecto dos seus competidores”. Segundo explica Andrés Soto, “todo iso sumado ao case tres mil millóns de usuarios activos mensuais, conforma unha combinación excelente”. Cos diferentes puntos técnicos do proceso de venda estandarizados na gran maioría de sitios web, recolle o traballo, “o proceso de compra e venda é seguro e case instantáneo, deixando os aspectos clave do proceso á mercadotecnia para atraer a eses potenciais clientes. É por iso que este conxunto de ferramentas supoñen unha vantaxe e diferenciación claves en canto a posibles competidores”.

Dous accésits

Un dos accésit foi para o traballo fin de grao Análise Económica-Financeira da Liga Española de Fútbol, realizado por Clara García. No seu traballo, a xa egresada en ADE fai unha comparativa entre 19 dos 20 equipos da primeira división de fútbol española na tempada 2021/2022 empregando os seus datos dos exercicios contables. Froito da análise realizada, destácase que o impacto da pandemia ten condicionado en gran medida os resultados obtidos polos clubs, reducíndose os ingresos da Liga Santander un 17% respecto á tempada anterior. Ademais, sublíñase nas conclusións, “o fútbol español conta cun endebedamento bastante elevado: sempre ten sido así pero agardábase que coa modificación das leis a posterior conversión da maioría de clubs en sociedades anónimas deportivas solucionaría esta problemática pero non ten sido así, conseguíronse mellorías pero a situación segue sendo difícil”.  

Outro dos accésit foi para o traballo Plan estratéxico para a creación dunha empresa apícola do xa egresado en ADE e agora emprendedor Adrián Rodríguez. O proxecto, explica o seu responsable, nace de necesidade real de elaborar un plan de actuación empresarial para a creación da sociedade Mel da Ribeira, co fin de absorber unha explotación apícola familiar. O traballo arranca falando da historia desta explotación e o porqué da súa absorción para analizar todos os elementos que contempla un plan de empresa, desde os produtos que quere comercializar e os investimentos previstos ata as canles de comercialización. “Antes de comezar a facer realidade a creación da sociedade e realizar este proxecto chegamos á conclusión de que para formar unha empresa hai que seguir moitos pasos, é como realizar un quebracabezas con moitas pezas”, sinala no traballo o seu autor. Unha vez feita a empresa, este plan, indica, “serviunos de grande axuda pero puidemos darnos conta de que é practicamente imposible planificar todas as actividades, pois sempre xorden imprevistos, que como emprendedores hai que saber afrontar e buscar solucións, adaptarse a todas as situacións”. Froito da experiencia que está a vivir, Adrián Rodríguez sinala que emprender “é difícil, con moitos altibaixos no camiño, pero é unha aventura propia que xera moitísimos momentos de felicidade e realización”.