DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fronte ás políticas asimilacionistas, demandan atención á diversidade cultural e lingüística das mul

Un estudo sobre a integración das inmigrantes identifica unha forte xerarquía de xénero no acceso á sociedade receptora

Galaxia publicará un libro no que se recollen os resultados deste proxecto dun grupo de Filoloxía e

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 31/03/2017

A lingua e a cultura de orixe das persoas inmigrantes son factores claves no seu proceso de integración na sociedade de acollida. Non obstante, este tema apenas ten sido analizado nin dende o eido académico nin dende o político, sobre todo cando se trata de mulleres inmigrantes. Para encher este baleiro, un grupo de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo puxo en marcha en 2014 o proxecto de investigación Muller inmigrante, lingua e sociedade. Novas perspectivas para a integración (MILES) financiando dentro da convocatoria de proxectos para investigadores emerxentes da Xunta de Galicia. Tras preto de tres anos de traballo, este xoves tivo lugar unha xornada de debate que serviu como peche deste proxecto, cuxas conclusións se publicarán o vindeiro mes nun libro editado por Galaxia.

“Nestes anos desenvolvemos unha investigación que tentou encher un oco importante nos estudos migratorios e de xénero: a integración das mulleres inmigrantes desde unha perspectiva sociolingüística, valéndose tanto dun enfoque lingüístico como sociolóxico”, explican Laura Rodríguez Salgado, estudante de doutoramento en Lingüística e as súas Aplicacións e Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía e profesora asociada na Universidade de Vigo, ambas investigadoras contratadas no proxecto MILES. O seu traballo debuxa procesos de integracación baseados na asimilación da lingua e a cultura das inmigrantes así como unha forte xerarquía de xénero no acceso á sociedade receptora.

Un eido pouco estudado

As investigadores destacan que “só dende hai un par de décadas as mulleres comezaron a ser protagonistas dos estudos migratorios e só dende unha perspectiva feminista comezou a ser valorada a súa achega no eido económico, social e cultural ás sociedades de destino”. Así, o obxectivo principal do proxecto é “achegármonos ás mulleres inmigrantes asentadas en Galicia co fin de comprender e visibilizar as particularidades dos seus procesos de integración na sociedade galega no relativo á bagaxe cultural e lingüística de orixe e á sociedade de acollida”.

Neste sentido, sosteñen que o proceso de integración ideal debería ser bidireccional, de xeito que as comunidades inmigrantes se incorporen á sociedade receptora en igualdade de condicións, dereitos e obrigas. Porén, a realidade é que “estamos moi lonxe dese ideal” e o proceso aséntase na asimilación, polo que as investigadoras critican que as políticas de integración en numerosas sociedades receptoras, como a galega, “se enmarquen nunha ideoloxía asimilacionista e de absorción da diversidade, pola que se minimizan as achegas doutras culturas”. Neste sentido, dende este equipo de investigación avogan por recuperar as políticas específicas de atención á diversidade cultural e lingüística e de integración social “que quedaron interrompidas desde o ano 2010”.

A preservación da bagaxe cultural, fundamental para o benestar persoal

A investigación fundamentouse na metodoloxía cualitativa e o equipo de traballo, coordinado polo profesor Ángel Rodríguez Gallardo, realizou 63 entrevistas en profundidade a mulleres residentes en Galicia nadas en 28 países diferentes de Europa, América, África e Asia e falantes de 23 linguas. O estudo complementouse con 29 entrevistas realizadas a asociacións de inmigrantes, ONG e axentes claves que traballan en Galicia no eido da migración.

As principais conclusións obtidas apuntan a unha forte xerarquía de xénero no acceso á sociedade receptora, “por exemplo, na aprendizaxe das linguas de Galicia ou na súa inserción no mercado laboral, ambas, así mesmo, interrelacionadas”, destacan. Ademais, a ampla maioría das migradoras entrevistadas sinalan que a preservación da bagaxe cultural e a súa transmisión son un aspecto “fundamental” para o seu benestar persoal en Galicia. Porén, a pesar dos seus esforzos, a miúdo non se acadan as expectativas desexadas, o que denota, segundo explica Iria Vázquez, “unha sociedade galega con condicións asimiladoras e cunha xa comentada ausencia de políticas sociais orientadas á xestión da diversidade lingüística e cultural”.

Doutra banda, verbo das funcións e actividades do tecido asociativo de inmigrantes e das ONG, as expertas sinalan que, a pesar deste “contexto hostil”, estanse a desenvolver iniciativas que cualifican como “esenciais”, por exemplo, a difusión da realidade social galega e das linguas de orixe do colectivo inmigrante ou a mediación lingüística e cultural.