DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O traballo de Eva Blanco foi galardoado nos segundos premios de investigación FlixOlé-URJC

Un estudo nacido na Facultade de Comunicación obtén o premio ao mellor TFG sobre cine español

A tamén egresada Marta Bouzas acadou o galardón ao mellor documental no festival Emove

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Investigación
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/11/2023

La forma que reconstruye: una aproximación sociológica a los espacios fílmicos de Madrid é o título do traballo de fin de grao polo que a egresada da Facultade de Comunicación Eva Blanco foi recoñecida co galardón ao mellor TFG nos Premios FlixOlé de investigación sobre cine español. Esta titulada en Comunicación Audiovisual recollerá o vindeiro mércores 22 en Madrid o galardón acadado na segunda edición dun certame promovido pola cátedra impulsada pola Universidad Rey Juan Carlos (URJC) e a plataforma de vídeo baixo demanda FlixOlé. Tamén en Madrid era premiado nos últimos días outro TFG nacido na facultade pontevedresa, a curta sobre saúde mental MY TRUTH, de Marta Bouzas, gañadora do premio ao mellor documental universitario no Festival Internacional Escolar y Universitario de las Artes Audiovisuales eMove.

Un traballo que conecta cinema e socioloxía

Nacidos para incentivar a investigación científica sobre o cinema español, os Premios FlixOlé-URJC triplicaron o número de candidaturas recibidas na súa segunda edición, segundo informaba este martes a Universidad Rey Juan Carlos. Dirixidos a premiar tanto os mellores traballos de fin de grao e mestrado, teses de doutoramento e artigos científicos, como iniciativas de divulgación, o xurado destes galardóns seleccionou o TFG que Blanco Alonso realizou co profesor Xesús Adolfo Lage como titor. Trátase, como explica, dun traballo “puramente teórico, que se baseou “en pór en diálogo a disciplina da análise cinematográfica coa socioloxía”, co obxectivo de “coñecer a historia de Madrid a través da representación de personaxes e espazos urbanos, pondo en valor as relacións sociais que consegue reconstruír a ficción cinematográfica”. 

Como “unha gran motivación” recibiu este recoñecemento esta titulada, que actualmente cursa un mestrado de investigación en Comunicación e Cultura en Sevilla e que ve neste premio un xeito de despexar “as dúbidas que moitas nos atopamos ao iniciar a carreira investigadora”. Ao mesmo tempo, Blanco tamén pon en valor o “imprescindible” dunha iniciativa dirixida a pór en valor un cinema, sinala, “que foi historicamente silenciado, primeiro durante a ditadura e actualmente pola lóxica das industrias culturais hexemónicas”. 

Premio ao mellor documental universitario

Como “un vídeo-ensaio documental que conta a vida dun mozo que padece unha serie de enfermidades mentais” presenta Marta Bouzas o outro TFG da facultade premiado nos últimos días. Esta egresada recollía a pasada fin de semana o galardón ao mellor documental universitario na novena edición do Festival eMove. “O seu valor é incalculable para min, xa que é a primeira ver que recollo persoalmente un premio” recoñece Bouzas, que destaca así mesmo o carácter internacional dun festival no que se premian creacións audiovisuais de todas as etapas educativas. Nese senso, lembra que, pese a ser un festival educativo, este certame conta cun xurado profesional do que formaban parte, lembra, “desde membros da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, ata produtores da Walt Disney Company ou Telecinco”, polo que “ser valorado por profesionais da materia”, fai deste un recoñecemento “moi emotivo e especial”.

Nacido inicialmente como un proxecto para a materia de cinema documental, MY TRUTH transformouse posteriormente no TFG que Bouzas defendía o pasado ano na facultade pontevedresa e que, ademais de ser seleccionado para diferentes festivais, foi tamén recoñecido nos premios de creación audiovisual da UVigo. Trátase, dunha curta sobre saúde mental “marcada por unha grande intencionalidade expresiva”, que ten como obxectivo, subliña, “dar voz a aqueles que xa non a teñen”.