DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado polos investigadores da UVigo Alberto Vaquero e Jaime Cabeza

Un estudo sinala que España é un dos países europeos que menos políticas e recursos destina a protección familiar

O traballo foi feito para a Federación Española de Familias Numerosas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 20/12/2023

Un estudo realizado por Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada e investigador do grupo GEN, e Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, ambos da Universidade de Vigo, apunta que “España é un dos países de Europa que menos políticas e recursos destina ao coidado da poboación máis nova e ao seu modelo de protección familiar”. O traballo foi realizado para a Federación Española de Familias Numerosas (FEFN) co apoio do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030.

Segundo indican en nota de prensa desde a FEFN, o estudo indica que “España é un dos países nos que existe maior distancia entre os fillos desexados e os que se teñen e isto é así por un contexto pouco favorable a formar familias e, en especial, familias grandes”. Entre os factores que condicionan esta situación estaría “a baixa calidade dalgúns empregos, as reducidas expectativas de mellora do mercado laboral, a dificultade para conciliar a vida laboral e familiar e o escaso apoio das administracións públicas ás familias, especialmente aquelas con maior número de fillos”.

1,5% do PIB

No estudo feito público este mércores pola citada federación recóllese que “España destina a políticas de familia unha porcentaxe do seu Produto Interior Bruto (PIB) moi afastada das dos países con mellores sistemas de protección á familia, ao dedicar un 1,5%, moi por baixo de Francia, Dinamarca, Suecia ou Hungría, todos eles por riba do 3%; o que se une a un modelo de protección familiar, o mediterráneo, caracterizado por un escaso desenvolvemento das políticas familiares explícitas, con prestacións económicas de pequena contía, dotación media en bens e servizos e algunha vantaxe de natureza tributaria”. Na súa análise, os investigadores conclúen que “son os países do modelo nórdico os que posibilitan as mellores políticas e resultados, pero non só por un maior investimento senón tamén porque as súas políticas son estables”.

No documento ponse de manifesto segundo indican os seus autores a insuficiencia das medidas de apoio á familia na primeira infancia, coa excepción do permiso de paternidade, que é dos máis altos de Europa. Así, detállase que “a baixa de maternidade resulta das máis baixas e a excedencia de ata 36 meses que existe para coidado de fillos non está remunerada, o que se traduce nunha medida pouco real para as familias, que non poden prescindir dunha fonte de ingresos”. No traballo tamén se abordan temas como o que suporía eliminar o actual límite que hai no Ingreso Mínimo Vital e na prestación e subsidio por desemprego, estudando tanto a viabilidade xurídica da medida como o seu coste. Igualmente prantéxase eliminar o actual límite que hai na prestación contributiva por desemprego e analízase o coste que suporían algunhas medidas para mellorar a protección laboral de pais e nais de familia numerosa.