DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editado polo Consello da Cultura Galega

Un estudo de tres docentes da Universidade analiza os índices do I+D+i galego

Obra de José Manuel García Vázquez, Albino Prada e María A. Quintás

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 16/12/2008

Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística sobre as actividades de I+D no ano 2007, Galicia superou por primeira vez na súa historia o 1% do PIB en gasto de I+D cun 1,03%. Pero este dato, con todo ser moi positivo para a Comunidade Autónoma, require de múltiples lecturas e matizacións para acadar unha diagnose da investigación e a innovación atendendo a todos os indicadores. Esta análise é a que ofrecen os profesores José Manuel García Vázquez, Albino Prada e María A. Quinta no libro que hoxe presentaron baixo o título Territorios Innovadores. Diagnose dos índices de I+D+i en Galicia.
Editado polo Consello da Cultura Galega dentro da súa colección Documentos e Informes, o obxectivo deste traballo é analizar os indicadores de I+D+i máis relevantes e “identificar cales son as carencias informativas na nosa Comunidade hoxe en día, de cara a solucionar estas deficiencias no futuro e poder, daquela, facer unha diagnose máis completa do noso sistema de I+D+i”, explicaron os seus autores esta mañá no acto de presentación. Segundo os investigadores da Universidade, “só así poderemos definir as políticas máis axeitadas á nosa contorna”.
Na presentación do libro xunto cos profesores estivo presente Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega.

Uns datos matizables

Na presentación do libro, os autores destacaron, xunto co dato do PIB, outro feito que semella situar a Galicia nunha situación bastante positiva. Este feito refírese a que o I+D+i está a abrirse un oco moi importante no tecido empresarial, xa que os gastos realizados polas empresas privadas para xerar por si mesmas novos desenvolvementos tecnolóxicos supoñen máis da metade do total rexional, un 55,3%. “Achegámonos a un patrón moito máis competitivo que descansa menos na investigación pública e máis na implantación empresarial”, destacaron.
Porén, estes datos teñen outras lecturas e, cun estudo coma o realizado no libro, poderían matizarse en varios sentidos. Por unha banda, salientaron a redución deste gasto innovador no eido público, así como unha pobre taxa de transformación de recursos e esforzos en resultados, “situación inversa á que presentan países tecnoloxicamente máis desenvolvidos”.
Deste xeito, Territorios Innovadores recolle un estudo amplo e profundo da situación en Galicia, así como un conxunto de achegas e recomendacións sobre as políticas de I+D+i precisas para mellorar o sistema.

Aposta polo sistematización e a homologación

Segundo García Vázquez, Prada e Quinta “este libro que hoxe presentamos trata de achegar a sistematización e a homologación á medición e avaliación do sistema de I+D+i”. Neste sentido, o libro estrutúrase en tres capítulos; o primeiro deles céntrase en definir os conceptos principais neste ámbito segundo as propostas da OCDE, así como expoñer a evolución que presentaron os indicadores empregados para medilos e agrupalos. Nun segundo capítulo ofrécese unha diagnose da situación de Galicia, que a sitúa nunha posición non moi favorable, identificando as carencias a nivel de información. Neste mesmo capítulo estúdase o impacto do sistema innovador no modelo de crecemento económico.
A última parte da publicación ofrece as conclusións máis relevantes deste informe e “facemos unha serie de recomendacións respecto ás políticas que hai que emprender para mellorar o sistema galego de I+D+i estruturadas en catro eidos: o estratéxico, o organizativo, o financeiro e o relativo a recursos humanos”. Neste sentido, os autores quixeron salientar a coincidencia de algunhas destas suxestións coas políticas actuais que se están a desenvolver. Salientaron que o Instituto Galego de Estatística prevé de cara ao 2009 a realización dunha enquisa de innovación empresarial que virá a cubrir “unha parte dos déficits de información detectados neste traballo”. Ao tempo, referíronse a varias propostas do IN.CI.TE que tamén se recollen no libro como a creación de plataformas tecnolóxicas sectoriais co fin de superar a atomización do tecido empresarial; o impulso das actividades de I+D+i de xeito cooperativo entre as PEME’s ou a rede de plataformas Neurona, “para o intercambio de información e experiencias entre as plataformas galegas como elemento de vinculación entre os actores que as integran”, explicaron.

Un traballo de longo

Este libro aséntase nun estudo anterior elaborado polos tres autores baixo o título Sistemas de indicadores sobre recursos, resultados e impacto da I+D+i en Galicia. Este informe realizouse ao abeiro dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e o Instituto Galego de Estatística, socio do proxecto denominado Sistema de información da Eurorexión para o fomento da innovación. O informe final, entregado en maio de 2007, serviu tamén como base dunha xornada celebrada en Vigo conxuntamente con outros axentes do sistema galego de innovación como a Dirección Xeral de I+D, Feuga, CTAG ou Uninova.