DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facturación total da sanidade privada na provincia ascente a máis de 540 millóns

Un estudo da Universidade confirma que o gasto da sanidade pública en centros hospitalarios privados da provincia de Pontevedra supera os 93 millóns de euros

A investigación realizouna o Grupo de Enxeñaría de Organización, baixo a dirección de Carlos Prado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
E.L. Castro DUVI 10/11/2009

O gasto da sanidade pública en centros hospitalarios privados estímase en máis de 93 millóns de euros. Este dato extráese do estudo Impacto económico da actividade sanitaria privada na provincia de Pontevedra, que cifra nun total 540 millóns de euros, 2.100 entidades e 11.000 traballadores a repercusión económica do sector. O estudo, que tiña por obxectivo calcular ese peso económico a través de dous parámetros, a facturación e o número de empregados, foi realizado polo grupo de Enxeñaría de Organización da Universidade de Vigo, baixo a dirección de Carlos Prado, en colaboración co Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra e co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra. Os promotores do estudo destacan a “enorme importancia destas cantidades, que se achegarían ás que pode xerar na provincia o sector téxtil, o pesqueiro ou o clúster da madeira”.
A investigación foi presentada esta mañá en rolda de prensa na sede do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra na que interviñeron tamén Teresa Pedrosa, vicepresidenta da deputación pontevedresa, Luis Campos Villarino, presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago, vicepresidente primeiro e de medicina privada do Colexio de Médicos, Santiago Saavedra Lourido, vogal de Médicos de Exercicio Privado, e Pedro Silva Arochena, secretario xeral do Colexio de Médicos de Pontevedra.

Principais fluxos monetarios do sector da sanidade privada en Pontevedra

Entre os principais fluxos monetarios entre axentes incluídos no sector da sanidade privada contabilizados na investigación destacan os ingresos do conxunto de hospitais, que suman máis de 158 millóns de euros. Desa cantidade estímase que 93 millóns de euros corresponden ao gasto da sanidade pública en centros hospitalarios privados. Por outra banda, o gasto de compañías aseguradoras en servizos médicos proporcionados por centros privados ascende a máis de 65 millóns de euros. O realizado por particulares (tanto a través do sistema sanitario público como de forma privada) en produtos farmacéuticos é de máis de 271 millóns de euros. Por último, o gasto de mutuas en servizos sanitarios externos privados supera os 12,5 millóns de euros. Estes son os datos desglosados máis relevantes que se poden tirar do estudo, que establece un montante xeral para todo o secto de 540 millóns de euros.
Carlos Prado destacou que en todo momento se evitou duplicar a contabilización de conceptos. “Si eu son unha compañía que subministra unha prótese e lla vendo a Povisa, aí loxicamente tivemos que descontar, pero era bo saber quen estaba aí, que empresas, canta xente teñen...”, exemplificou. Isto trasladouse á facturación dos seguros, as mutuas e as distribuidoras farmacéuticas, que se excluíu do montante xeral pois, como explicou o profesor, “retribúen en boa medida aos profesionais médicos e aos hospitais”.

Un ano de investigación desenvolvida en cinco fases

A xestación do proxecto remóntase a fai arredor dun ano, “ante a preocupación da xunta médica pola pouca repercusión que a nivel social se lle está dando á sanidade privada”, salientou Prado. Rematouse no mes de setembro, polo que toda a información recompilada na que se basea o estudo é a relativa ao 2008. A investigación estruturouse en cinco fases. A primeira tarefa foi identificar a profesionais, colectivos e entidades que debían abranguer. Os primordiais foron os hospitais, “centrándonos sempre na parte privada, no caso de contar coas dúas, como é o de Povisa, un centro importante na provincia”, precisou Prado. Logo están os centros médicos, os consultorios médicos e os consultorios doutras actividades sanitarias. “No caso do centro médico referímonos a aquel no que se poden atender diferentes especialidades e varios profesionais sanitarios desenvolven a súa actividade, mentres que nos consultorios está soamente o especialista e o seu persoal de apoio”. Consideraron necesario incluír tamén a actividade realizada por facultativos especialistas como odontólogos, fisioterapeutas, oftalmólogos, podólogos, logopedas ou homeópatas.
Todos os datos crúzaronse tamén cos de prestadores de servizos sanitarios, é dicir, compañías de seguros, mutuas e servizos de prevención, xa que na “medicina privada unha porcentaxe importante nútrese dos seguros”. Así mesmo, incluíron o ámbito privado das farmacias e todo o relativo ás empresas subministradoras, tanto médicas como farmacéuticas. Finalmente, engadiron a parte sanitaria dos balnearios e os centros da terceira idade.

Empregáronse fontes diversas e entrevistas telefónicas

A continuación desenvolveron a fase de recollida de información secundaria para realizar a relación de entidades pertencentes aos distintos colectivos identificados. Decatáronse de que “non había ningún estudo semellante, con tal nivel de desglose, tanto a a nivel galego como estatal”. Ante esa carencia de fontes específicas recorreron a bases de datos como as de SABI e Ardán, aos cadros médicos das compañías de seguros como Sanitas e Adeslas, á propia información do Colexio de Médicos ou a Páginas Amarillas.
Para a terceira fase, a da obtención de información primaria procedente de todos os colectivos identificados empregouse prioritariamente a entrevista telefónica ou o correo electrónico. Prado destacou a dificultade deste proceso debido a que os datos solicitados, facturación e número de empregados, “malia ser públicos, adoita ser información sensible e de entrada non todo o mundo está disposto a dalos”; a dificultade foi maior se cabe, segundo sinalou o catedrático, “canto menor é a empresa”. Para facilitar o camiño procuraron contactar previamente con responsables de asociacións, colexios profesionais e das empresas máis representativas.
Deseguido procedeuse ao contraste da información obtida e á elaboración do informe final. Aquí toparon cunha carencia de información relativa aos consultorios. Carlos Prado explicou como solucionaron este atranco: “restando a suma dos seguros que facturan as entidades máis importantes puidemos extraer os datos dos consultorios”. Deste xeito, Prado destacou que os resultados finais “dan unha foto fidedigna, aínda que sabemos que existe algo máis”. Engadiu que, en calquera caso decidiron “calcular as cantidades á baixa en vez de inchar os datos”. A quinta e última fase é a que comeza agora, coa difusión pública da investigación.

Estudo do impacto económico da sanidade privada en Pontevedra (2.3 Mb)