DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de Alfio Alessandro Chiarenza e Sara Varela, do grupo Mapas Lab do CIM

Un estudo da UVigo e o Museo de Historia Natural de Londres alerta de que as tartarugas afrontan unha carreira contrarreloxo para vencer o cambio climático

Poderán sobrevivir se conseguen migrar a outros hábitats antes de que os seus se volvan insostibles

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 21/12/2022

As tartarugas de auga doce afrontan unha carreira contrarreloxo para poder ter posibilidades de sobrevivir ao cambio climático e só o conseguirán se son quen de migrar a outros hábitats antes de que os seus se volvan insostibles polo aumento da temperatura. Así o explican nun artigo publicado hoxe mércores na revista Current Biology un grupo de investigadores da Universidade de Vigo e do Museo de Historia Natural de Londres.

O estudo está liderado polo científico Alfio Alessandro Chiarenza, do Mapas Lab, que pertence ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, en colaboración coa investigadora do mesmo grupo Sara Valera, e con científicos do museo londiniense, como Paul Barrett ou David B. Nicholson. A súa investigación, titulada 100 Ma of turtle palaeoniche dynamics enables prediction of latitudinal range shifts in a warming world, mira cara atrás no tempo e, empregando o rexistro fósil, logra predicir a distribución das tartarugas nun planeta cada vez máis quente, no que só poderán sobrevivir se buscan novos hábitats antes do colapso dos seus. 

O equipo estudou a contracción do rango latitudinal que experimentaron as tartarugas terrestres e de auga doce (Testudinata) dende o Cretácico Superior ata o Paleóxeno (100,5–23,03 millóns de anos) en resposta aos grandes cambios climáticos. Os resultados amosan que é probable que estes animais sobrevivan nun clima de +1,5 a 2 graos, a taxa á que se agarda que se quente o planeta co cambio climático, pero non nos mesmos lugares nos que existen hoxe en día. Para sobrevivir á emerxencia planetaria, deben migrar a unha nova contorna afastada dos seus hábitats actuais nos trópicos e subtrópicos, que se volverían máis secos e, polo tanto, desaparecerían para as poboacións de tartarugas. Porén, a medida que o planeta se quenta, outros lugares volveranse potencialmente habitables e, a medida que se estende o rango latitudinal, haberá grandes áreas do norte de América do Norte e do norte de Asia que se volverán máis húmidas e cálidas, creando un hábitat máis adecuado para as tartarugas.

Como explica o autor principal do estudo, Alfio Alessandro Chiarenza, “para escapar dos efectos do cambio climático e evitar a extinción debida ao cambio climático provocado polo home, as tartarugas deben migrar lonxe dos seus hábitats actuais a unha contorna máis adecuada a medida que o planeta continúa quentándose. Aínda que non son coñecidas pola súa rapidez, as tartarugas deberán actuar con urxencia para vencer o ritmo do cambio climático”.

Outro obstáculo a ter en conta, engade, “son as presións antropoxénicas sobre unha potencial migración. Non obstante, esta investigación proporciona unha base para dar a coñecer os esforzos de conservación das tartarugas, e potencialmente de máis especies, cuxos hábitats son vulnerables ao cambio climático”.

As tartarugas como exemplo

Este equipo internacional decidiu centrar o seu proxecto nas tartarugas por varios motivos. En comparación con outros réptiles, teñen un rexistro fósil sorprendentemente bo debido ás súas coirazas. A súa ecoloxía non cambiou moito nos últimos centos de millóns de anos, o que significa que son fáciles de localizar e identificar, o que ten como resultado unha comprensión relativamente boa da súa distribución. Ademais, as tartarugas teñen unha forte relación coa súa contorna e existen en un sistema de estudo moi sólido que os investigadores poden empregar para comprender os seus límites climáticos e ambientais.

Ao reunir datos sobre as tartarugas e as condicións ambientais, o equipo puido medir un espazo ambiental teórico no que os animais poderían existir potencialmente e facer predicións baseadas en sucesos coñecidos. Despois de rastrexar con éxito este modelo no tempo profundo (deep time) empregando datos fósiles, o grupo puido reflexalo en escenarios do futuro, como por exemplo, cunha temperatura en aumento.

A coautora do estudo Amy Waterson, que no memento de realizar o estudo traballaba no museo, explica que "se ben estes métodos se aplican comunmente para estudar especies vivas na actualidade, poden ser empregadas de xeito limitado como ferramenta para estudar o tempo profundo, xa que o rexistro fósil é máis restrinxido a medida que se retrocede". 

A importancia do rexistro fósil

Actualmente só existen uns poucos análogos que poden predicir con precisión o que sucederá cos animais durante a emerxencia planetaria. Sen embargo, o rexistro fósil é unha ferramenta incriblemente útil para axudar a desenvolver aínda máis este eido, xa que un cambio climático desta magnitude xa ocorreu durante o período de arrefriamento da Terra e está rexistrado en coleccións de historia natural como a que se atopa no Museo de Historia Natural de Londres e que se emprega nesta investigación. 

O profesor Paul Barrett, investigador do museo e un dos autores principais deste artigo recalca que "este estudo demostra de maneira excelente o potencial incalculable que teñen este tipo de coleccións para empregar datos históricos e ofrecer novos coñecementos sobre problemas ecolóxicos en curso". Este proceso mediante o cal se poden predicir as respostas ecolóxicas ás condicións ambientais permitirá que tanto as e os expertos en conservación ambiental como as persoas encargadas de formular políticas neste eido coñezan o mellor xeito de prepararse para os efectos da emerxencia planetaria”.

Esta investigación contou con financiamento de NERC, ERC e a convocatoria Juan de la Cierva Formación 2020 financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación de España.