DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo creou recentemente o Comité de Ética da Investigación e a figura da Mentora Ética   

A ética na investigación, unha cuestión estratéxica na Universidade de Vigo 

Experimentación animal, xestión de riscos biolóxicos e investigación con humanos dependen do CETIC

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/03/2022

Cando o persoal investigador ou unha institución solicitan informes sobre proxectos, traballos de investigación ou publicación de traballos científicos que impliquen estudos con seres humanos, utilización de datos persoais ou mostras biolóxicas de orixe humana, emprego de organismos xeneticamente modificados, experimentación animal, utilización de axentes biolóxicos, ou calquera proxecto que pola súa natureza supoña un risco para a seguridade, son os comités de ética da UVigo os que atenden estas demandas de información, “ademais de actuar ante calquera problema ético, tipo plaxio, reclamación de autoría, datos, etc. que se poida dar na Universidade”, engade a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio. Tendo en conta os regulamentos, a lexislación existente e as necesidades da investigación que se desenvolven na institución académica viguesa, a Universidade de Vigo definía e creaba recentemente o Comité de Ética da Investigación (CETIC), a estrutura de xestión da ética, tal como se propuña, tamén, no Plan Estratéxico 2021-2026 da Universidade e no selo HR co que a Universidade se aliña.

“Neste momento, todos os aspectos éticos están cubertos”, asegura Rubio, que suma á creación do CETIC, o da figura da Mentora Ética, cargo que ocupa a docente e investigadora do Departamento de Dereito Privado María José Bravo Bosch, que participa con voz e con voto no Comité de Ética e que “é a persoa que debe velar pola ética na Universidade e ten entre as súas funcións a de informar nos procedementos que se refiran a condutas afastadas da ética e esixibles na investigación”, detalla a vicerreitora. 

Investigación con humanos e medioambiente e xestión de riscos biolóxicos, as novidades

Aínda que ata o de agora, na UVigo había varios comités de ética, xurdidos en función das necesidades existentes, como o Comité de Benestar Animal, denominado posteriormente de Experimentación Animal, e mesmo as comisións de ética en centros como a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Facultade de Fisioterapia, coa creación nos últimos anos da Carta e Código europeo dos investigadores, ao que a UVigo se adheriu en 2017, e co impulso á Responsable Research and Innovation (RRI), “a ética converteuse nun eixo central da actividade investigadora europea e a UVigo, como institución do sector público é consciente da súa responsabilidade ante a sociedade con respecto á investigación científica e transferencia de coñecemento desenvolvida no seu ámbito”, confirma a vicerreitora de Investigación.

A nova estrutura de xestión da ética creada na UVigo establece que do Comité de Ética (CETIC) dependen outros tres comités: o xa existente de Experimentación Animal (CEA/OH) e dous novos, o Comité de Xestión de Riscos Biolóxicos (CXRB) e o Comité de Ética para a Investigación con Humanos e Medioambiente .“O Ceishma ocúpase da avaliación dos aspectos éticos da investigación realizada na UVigo con fins científicos que implique a seres humanos, ou ao medioambiente, así como a obtención e tratamento de datos persoais que poidan afectar a dereitos fundamentais, conforme á lexislación vixente”, detalla Belén Rubio, que destaca que, coa creación destes novos comités, “se xera unha estrutura para a xestión da ética estable, ademais de estar formados por especialistas neste ámbito”.

En canto ao Comité de Riscos Biolóxicos a súa función é asegurar a identificación, implementación e mantemento de metodoloxías axeitadas para a avaliación e rexistro dos riscos, mentres que o Comité de Experimentación Animal encárgase de avaliar os procedementos que van utilizar experimentación animal, así como velar polo benestar dos animais utilizados en docencia, investigación ou probas de laboratorio, e promover cursos de capacitación para as persoas que utilizan ou van utilizar animais. “O CEA/OH (OH de Órgano Habilitado pola Xunta de Galicia) foi creado en 2010 como Comité Ético de Benestar Animal e en 2013 cambiou o seu nome a Comité Ético de Experimentación Animal co fin de empregar a mesma denominación que aparece no Real Decreto 53/2013 para os comités de ética dos centros usuarios de animais de experimentación, con formularios específicos aclaratorios na súa web que simplifican moitos os trámites administrativos”, explica a vicerreitora de Investigación.

Rubio sinala que son moitas as universidades españolas que están a seguir estes pasos establecendo a ética como un piar fundamental da súa investigación, “de feito a UVigo conta como membro do CETIC coa Delegada de Protección de Datos da UVigo e tamén coa responsable de ética na Universidad del País Vasco, que posúe unha longa traxectoria e moita experiencia nesta temática”, aclara a vicerreitora.