DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fontao, San Fins, As Pontes... son propostas distintas pero complementarias

A ETS de Enxeñaría de Minas propón a creación de rutas temáticas da minaría de Galicia

O catedrático Enrique Orche advirte que estamos a quedar á cola de España e de Europa neste tipo de

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/11/2009
No forte contexto de crise económica que vivimos na actualidade todas as posibilidades de pór en marcha iniciativas rigorosas e solventes que poidan servir para revitalizar unha comarca e dar emprego as xentes que nela habitan son, cando menos, ben recibidas. Nesta liña na ETS de Enxeñaría de Minas levan anos formulando a necesidade de recuperar un dos nosos tesouros peor gardados, un patrimonio xeolóxico e mineiro no que Galicia é inmensamente rica pero no que, de non pórse mans a obra, se corre un grave risco de que se perda e con el se vaia o que podería ser unha das “minas”, e nunca mellor dito, da nosa economía.
Como sacarlle proveito e lograr que estes lugares alcancen o florecemento económico e social que tiveron noutros tempos? O catedrático da escola viguesa, Enrique Orche, presidente da Sociedade Española da Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro, propuxo a creación dun Parque Temático da Minaría de Galicia nas minas de Fontao en Vila de Cruces, un proxecto que non atopou o respaldo necesario de ningunha institución pública e que agora retoma formulando a posibilidade de complementalo con outros proxectos que se poderían emprender “en lugares completamente distintos pero complementarios” como poderían ser As Pontes ou San Fins en Lousame.
Na actualidade en Galicia non hai ningún parque destas características e desde a escola queren lanzar o aviso de que, pese a contar cun dos patrimonios máis importante a nivel nacional, estámonos a quedar á cola de España e de Europa neste tipo de iniciativas. “Aquí avógase por un turismo de calidade pero cando realmente se ofrecen aos diferentes organismos públicos este tipo de proxectos as autoridades non responden”, critica Orche en referencia á falta de apoio ao proxecto de Parque Temático en Fontao, “unha auténtica marabilla que se está degradar día a día”.

Un proxecto moi ambicioso con proxección lúdica e pedagóxica

A filosofía que inspirou no seu intre o deseño do proxecto de Fontao, “que se constituiría coma o mellor parque mineiro de España con diferenza”, foi dar a coñecer aos visitantes os distintos aspectos da minaría e da natureza con ela asociada, xa que “hai pobos cuxa razón de ser foi a minería, o que avoga a tratar este tipo de recuperacións con seriedade e solvencia”. Con este referente a oferta que se formulou para o Parque Temático da Minaría de Galicia ten unha proxección tanto lúdica como pedagóxica e “está pensada para persoas de calquera idade e nivel cultural”, subliña Orche, autor do plan de rehabilitación e construción de novo equipamento.
A recuperación dos labores subterráneos accesibles e da canteira a ceo aberto para a súa visita en condicións de máxima seguridade; a rehabilitación de instalacións mineiras como o lavadoiro ou a balsa de augas; a mellora de todos aqueles edificios da mina que se atopen nun aceptable estado de conservación para a súa utilización como museos, servizos e centros de actividades ou a reestruturación do medio natural creando zonas de paseo e de descanso, son algúns dos eixes nos que se basea a proposta.
Á hora de dar exemplos concretos da oferta que tería o parque, a lista é longa: Museo da Minaría, Museo do Granito e da Pizarra e Museo de Minerais e Fósiles; talleres de aprendizaxe de bateo de minerais xunto á ponte do río Deza; exposición de grandes equipos de minaría a ceo aberto; zonas axardinadas de paseo e descanso; cafatarías “ou mesmo un minizoo con animais de pequeno tamaño. En definitiva, “un proxecto moi ambicioso no que se colleu o mellor de cada un dos proxectos que se teñen posto en marcha en Europa”, insistiu Orche, quen lembrou que a afluencia de público que se estimou foi de 60.000 visitantes ano, cunha taxa de crecemento do 20% anual durante os primeiros catro anos.
Desde a escola queren retomar unha vez máis este proxecto e insisten en que “o desexable sería que a nivel galego se puidese establecer algún circuíto de minas”.
San Fins con Fontao sería unha boa opción xa que son da mesma época –ambas viviron durante a posguerra a súa época de maior esplendor-, pero tampouco se hai que esquecer de As Pontes, “a maior mina de España e un lugar completamente distinto a Fontao”.
“Non se trata de rehabilitar todo, senón de crear unha boa oferta que estou seguro podería converterse nunha atracción turística e cultural de primeira magnitude”, subliña Orche, ao tempo que lembrou que hai sitios deste tipo que están recibindo entre 90 e 100 mil visitantes ao ano”.

Toque de atención sobre o incremento de intrusismo na profesión

Cando se cerra unha mina sempre queda como relito o patrimonio xeolóxico e mineiro. Pechar o que durante anos foi o centro vital dunha comarca significa pór en perigo un patrimonio cuxa conservación en moitas ocasións é máis defendible ca súa destrución, e “e, neste senso, é importante frear o gran intrusismo que se está a vivir neste campo” xa que, segundo sinalan ,estase a encargar rehabilitacións de minas a profesionais que non están preparados para este tipo de traballo.
“Desde a escola queremos avogar porque o patrimonio mineiro sea unha cuestión que estea ligada aos enxeñeiros de minas”, subliña Orche ao tempo que insiste en que iso non quere dicir que o enxeñeiro de minas teña que ter un poder omnímodo e único sobre o tema, “nada máis lonxe da realidade”, senón que normalmente os temas de recuperación de patrimonio son tan complicados que esixen a participación dun equipo de persoas pluridisciplinar, pero liderado dende o experto en minas.
Para Orche, “non se pode rehabilitar cunhas perspectivas de estética ou de luminosidade”, senón que, como establece a Unesco, trátase de buscar a autenticidade, orixinalidade e integridade, “e isto é algo que só domina o enxeñeiro de minas, o profesional que mellor domina un tema tan importante coma, neste caso, a seguridade”, insiste.
Orche fai fincapé na importancia do tema da seguridade, tanto durante as obras de rehabilitación coma despois no propio museo. “Na actualidade os visitantes deste tipo de museos en España son xa case dous millóns de persoas e hai un oco legal que non contempla a responsabilidade civil no caso dun accidente, por citar un exemplo”, recalca. É un motivo máis para esixir a necesidade de que realicen as obras expertos en seguridade mineira, pois son os que poden garantir que as medidas de seguridade son as axeitadas.
O patrimonio mineiro sempre estivo incluído dentro do patrimonio industrial ata que no ano 2008 a comisión de patrimonio histórico español lle outorgou entidade propia na que chamaron Carta do Bierzo. Lamentablemente, sinala Orche, é unha carta que non ten entidade xurídica e, por tanto, non é de obrigo cumprimento, pero marca unhas directrices importantes que permiten diferenciar o patrimonio mineiro do industrial e “isto é algo moi importante porque se deixa claro quen non é o mesmo reconstruír unha fábrica ca unha mina”, insiste.

Máis de mil artigos científicos sobre patrimonio mineralóxico

Enrique Orche está ao fronte da Sociedade Española da Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro, unha sociedade que se creou en 1995 co obxectivo de estudar e preservar este tipo de patrimonio e que ten como sede a ETSE de Minas.
Nestes catorce anos de vida estiveron loitando a través fundamentalmente de apoio a iniciativas proteccionistas e de estudo dunha serie de iniciativas encamiñadas á protección deste patrimonio. Sobre todo, caracterizáronse tamén pola organización de máis de vinte congresos –o último o pasado mes de setembro en Estremadura- que tiveron como eixe esta temática. Isto supón máis de mil artigos publicados que fan referencia ao patrimonio mineralóxico e mineiro.