DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de San Xosé comprendeu tamén a entrega de diplomas e distincións a alumnos e docentes

A ETS de Enxeñeiros Industriais celebra o seu patrón coa vista posta na futura fusión coa Escola Universitaria de Torrecedeira

A conferencia maxistral versou sobre a evolución da industria gasística

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 17/03/2010

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior supón para os estudos de Enxeñaría Industrial un dobre reto. Por unha banda, a reorganización do plans de estudo e por outra a planificación do futuro da Escola Técnica Superior e da Escola Universitaria de Torrecedeira como un só centro. Coa aprobación desta unificación por parte das xuntas de centro, este futuro inmediato centrou a celebración do San Xosé, patrón da ETS de Enxeñeiros Industriais, que tamén constitúe cada ano o acto de graduación do estudantado do último curso.
Por este motivo, Luis González Piñeiro, director da escola, cualificou este trixésimo cuarto acto como un dos máis especiais da historia do centro, “pola extinción dos estudos actuais e polo comezo, o vindeiro curso, dos novos títulos adaptados a Boloña, pero tamén porque este será o meu derradeiro San Xosé como director”, explicou. Así, esta celebración do patrón será a última da escola tal e como se coñecía ata agora, que a partir do curso 2010-2011 impartirá os graos de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais; Organización Industrial; Eléctrica; Electrónica Industrial e Automática; Química Industrial e Mecánica así como o grao en Enxeñaría da Enerxía, en colaboración coa ETSE de Minas. No que se refire aos mestrados, neste curso están en marcha sete profesionalizantes e tres de carácter investigador, aos que se unirán outros dous en breve. Entre todos os másteres son 400 os matriculados “o que nos fai pensar que imos polo bo camiño” apunta o director.
Sobre a adaptación desta titulación ao EEES, o vicerreitor falou de “traballo feito e obxectivo alcanzado” pero salientou a importancia de ir adaptándose ao novos tempos e ás novas tecnoloxías para actualizar os plans de estudo cando sexa necesario.
Para afrontar ese futuro unificado, tanto do director da escola como o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, destacaron a importancia desta fusión “que nos converterá no centro de maiores dimensións do Sistema Universitario de Galicia en todos os aspectos, tanto en alumnado como en profesorado e en instalacións”, apuntou González Piñeiro, que amosou tamén a súa implicación clara co Campus do Mar. En palabras do vicerreitor, esta unión non fará máis que remarcar a “certificación de calidade e profesionalidade” dos egresados desta escola.
A nivel de infraestruturas, González Piñeiro salientou a importancia que terá o Módulo Tecnolóxico Industrial, que se unirá cunha pasarela coa escola, e as reformas que xa se están a realizar no salón de actos “e agardamos contar con financiamento para estender as obras outros puntos do edificio”.

Un campus e unha cidade industrial

No acto deste ano, no que tamén se celebra o vinte cinco aniversario da especialidade de Organización Industrial, tanto Cidrás como alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixeron destacar o remarcado carácter industrial da cidade de Vigo e a orixe da Universidade nestes estudos. Abel Caballero referiuse á escola como xermolo da Universidade de Vigo “e iso marca unha xeración e unha profesión” pero tamén unha cidade claramente industrial que lle debe aos estudos de Enxeñaría Industrial “ser o núcleo duro industrial de Galicia e a cidade con maior presenza industrial de toda Europa”.
No acto estiveron tamén presentes o director técnico do INEGA, Emérito Freire e o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, José Luis López. Ambos destacaron a altísima preparación dos profesionais formados na escola e destacaron os importantes nichos de traballo que para eles supón o campo das enerxías, “xa que ante o esgotamento dos recursos, a sociedade ten por diante retos tecnolóxicos de cara a novos modelos enerxéticos”.

A enerxía, o futuro dos enxeñeiros

Precisamente sobre enerxía versou a conferencia impartira por Antoni Peris, director xeral de Negocios Regulados de Gas e presidente de Gas Galicia, que afondou na evolución do gas dende o século XIX ata a actualidade. Tras facer un percorrido histórico e técnico, Peris explicou que na actualidade no mundo o 60% das vivendas teñen gas, mentres que en España a cifra rebaixase ata o 27% e en Galicia ata o 16%. Segundo explicou, os retos tecnolóxicos para situar a Galicia e a España ao nivel do continente “requiren de xente formada e con coñecementos de enerxía” para traballar na captación do CO2, na eficiencia enerxética ou no desenvolvemento das enerxías renovables.

Entrega de diplomas e distincións

O tradicional acto de San Xosé convértese cada ano tamén no acto de graduación do estudantado da ETSEI. Deste volta foi a promoción 2005-2010 a que recolleu os seus diplomas así como os galardoados polo colexio oficial co premio fin de carreira. O alcalde animounos a todos a comezar a súa andaina profesional destacando que “vos espera Vigo e Galicia cos brazos abertos e moita confianza en vós”.
Xunto con eles recibiron tamén unha distinción algúns dos seus profesores, tanto polo labor docente como polo investigador.