DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 200 estudantes acudirán ao centro este venres

A ETSE de Industriais dá a benvida aos novos alumnos antes do comezo das clases

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/09/2008
Presentar o centro e orientar aos novos alumnos é o obxectivo co que a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais está a preparar para o vindeiro venres un acto de benvida aos 210 estudantes que xa se matricularon nesta titulación. Pese a que o inicio oficial das clases será o 22, desde a dirección da escola, organizaron o acto para que os estudantes se incorporen coñecendo xa as instalacións e persoal da escola.
Equipo directivo, mestres, delegación de alumnos e persoal da Biblioteca Central presentarán aos estudantes unha ampla panorámica do que se atoparán na escola que elixiron para cursar a súa titulación “a carreira máis versátil a nivel técnico e na que non existen problemas de emprego, xa que pode aplicarse a calquera campo ou terreo da industria”, tal como indica o director do centro, Luis González Piñeiro.
Ao longo da mañá cada un dos profesores que imparte docencia no primeiro curso fará unha presentación dos contidos da súa materia. “Trátase de que coñezan aos profesores e se fagan unha idea de en que vai consistir cada unha delas”, subliña o director. “Ademais, é importante que tamén coñezan a biblioteca e os seus compañeiros da delegación de alumnos”, continuou.
Coa previsión de alcanzar os 250 alumnos matriculados en primeiro curso, o director da escola salienta a firme aposta que tamén se fai dende o centro pola especialización dos alumnos xa graduados. O pasado curso impartíronse dous máster e este ano a oferta increméntase con tres novos títulos. “E de cara a 2009/2010 xa se están preparando novas propostas”, subliñou o director.