DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ETSE de Minas convértese nun museo interactivo na Semana da Ciencia 2008

Esperase a visita duns 800 alumnos de ensinanza secundaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 17/11/2008
A recuperación da forma orixinal dun envase de iogur, unha demostración de manexo de diferentes explosivos, tomas de imaxes cunha cámara termográfica, un levantamento tridimensional dunha parte dun edificio mediante escaneos cun láser 3D ou a fabricación de espuma foron algúns dos experimentos nos que participaron hoxe máis dun cento de alumnos de ensino medio nas instalacións da ETSE de Minas. Enerxía, materiais e medio ambiente: todo comeza coa minaría porque todo sae da terra é unha actividade enmarcada na Semana da Ciencia 2008 consistente nunha visita guiada aos espazos de investigación e docencia da escola, compostos por diferentes módulos de aprendizaxe e divulgación lúdicos e informais. “Disponse de varias zonas, a modo de museo de ciencia interactivo, nas que se amosan actividades manipulativas reais apoiadas por medios audiovisuais deseñados a medida, con fotografías representativas, vídeos e textos cunha linguaxe próxima e adecuada ao público obxectivo desta actividade”, explica José Benito Vázquez subdirector da ETSE de Minas. Trátase dunha actividade “participativa, lúdica e que ademais proporcione información”, continúa
Os obxectivos céntranse en incrementar o interese polos contidos científico-tecnolóxicos desenvolvidos na ETSE de Minas, aproximar a investigación realizada no centro á sociedade, amosar aplicacións dun xeito divertido e interactivo e concienciar da importancia de preservar o medio ambiente e o patrimonio. Pero sobre todo, tamén se quere facer fincapé “en dar a coñecer a nosa oferta educativa e a labor dun enxeñeiro de minas, unha cuestión pouco coñecida polos futuros mozos universitarios”, subliña Vázquez.
O traballo de monitoraxe está realizado esencialmente por estudantes dos últimos cursos da escola, nun contexto de explicación por pares ou iguais. Pola súa banda, o profesorado “é o encargado de fixar as pautas dos contidos expostos, a imaxe corporativa das presentacións audiovisuais e os protocolos de presentación interpretativa”, declara Vázquez.

O itinerario da actividade

A visita, cunha duración aproximada de 90 minutos, comeza nun posto de termografía e biomasa ubicado no recibidor do centro. “Mediante a termografía infravermella permítese coñecer a temperatura de diversos procesos. Isto emprégase para mantemento productivo, é dicir, para localizar un problema antes de que algo se estropee”, explica Javier Tanjón monitor do módulo. Os participantes poideron facerse fotos cunha cámara termográfica observando as partes máis e menos candentes do termograma. Nesta mesma zona tamén poideron escoitar unha explicación, por parte de Diego Copena antigo alumno de ETSE Industriais, sobre as posibilidades das enerxías alternativas en xeral e da biomasa en particular.
No segundo dos módulos amósanse os diferentes materiais existentes (plásticos, cerámicos, metais e composites) explicando a súa elaboración e ensaios. Nesta zona os estudantes poideron observar e participar na posta práctica de tres experimentos: a volta á forma orixinal de materiais con memoria de forma, a detección dos puntos de acumulación de tensións de calquera obxecto e a produción de espuma por medio da axitación mecánica de isocianato e poliol, algo que sorprendeu a moitos dos escolares alí presentes, “é algo curioso, son mostras aparentemente sinxelas das que aprendes moito”, declara Cassandra Vázquez alumna do Colexio Montesol de Vigo.
Un laboratorio de explosivos é a terceira parada do itinerario, nel “amósanse dúas maquetas de explotacións mineiras, unha a ceo aberto e outra subterránea, explicándolles o emprego de explosivos, elementos de voladuras e demáis cuestións relacionadas co tema”, sinala a monitora María Paz.
Para rematar a visita, noutro dos laboratorios, os participantes asisten a demostracións activas de traballo de campo realizadas na ETSE de Minas relacionadas co emprego de láseres, por exemplo o levantamento tridimensional dunha parte dun edificio ou de estructuras diversas mediante escaneos cun láser 3D.

Unha semana chea de visitas

As visitas prolongaranse ao longo de toda esta semana, recibindo un total de 20 centros pertencentes ás provincias de A Coruña, Ourense e Pontevedra. “As previsións foron moi boas, enchéronse todas as prazas ofertadas e incluso 15 institutos quedaron fóra”, explica Vázquez. Dende hoxe luns e ata o venres, en horario de mañán e tarde, 800 alumnos de ensinanza secundaria e bacharelato participarán nesta actividade organizada pola ETSE de Minas.