DUVI

Diario da Universidade de Vigo

23 da enxeñaría e 37 dos dous mestrados que se imparten no centro

A ETSE de Minas despide este venres a 60 novos titulados

González Philippon, responsable de Explotación de Gas Natural Fenosa, impartirá a lección inaugural

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 11/07/2013
A ETS de Enxeñaría de Minas pecha este venres o calendario de actos de graduacións deste curso 2012-2013 que está a piques de rematar. O centro entrega os diplomas e distincións a 23 novos titulados da XVI promoción en Enxeñaría de Minas, a derradeira antes de que o vindeiro curso comecen a saír á rúa os primeiros graduados adaptados aos EEES. Xunto con eles, despediranse tamén desta andaina universitaria os 18 alumnos do mestrado en Tecnoloxía Medioambiental e os 19 do mestrado en Tecnoloxías para a Protección do Patrimonio Cultural Inmoble. En total, 60 novos profesionais que recibirán neste acto os consellos dun antigo alumno do centro, Roberto González Philippon, director facultativo de Limeisa e responsable de Explotación de Gas Natural Fenosa, que impartirá a lección inaugural.

Xunto con el, darán unha agarimosa despedida a esta nova xeración, Jose Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento; Mª José Mijares, subdirectora xeral de Recursos Mineiros da Xunta de Galicia; José Benito Vázquez, director da ETS de Enxeñaría de Minas e Juan José Fernández, decano-presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España.

A mina de lignitos de Meirama, exemplo de rehabilitación ambiental

Roberto González Philippon, titulado por esta mesma escola, será o encargado, na súa lección maxistral, de afondar na importancia da rehabilitación ambiental das explotacións mineiras, neste caso, centrándose na antiga mina de lignito en Meirama, Cerceda. O responsable de explotación de Activos Mineiros e Operacións de Recursos Naturais de Gas Natural Fenosa, explicará as accións posta en marcha pola compañía para recuperar a zona que, cun orzamento de 60 millóns de euros, consiste na creación dun gran lago artificial de 150 hm3, que estará rematado en 2015, así como a reforestación dos terreos e das zonas de depósito dos cascallos da mina. Dende a empresa destacan a importancia que este lago mineiro terá tanto para o desenvolvemento económico e turístico da zona como así como, dada a boa calidade das súas augas, como potencial subministrador para a área metropolitana da Coruña. O acto de graduación terá lugar ás 19.00 horas no paraninfo do edificio da Alcaldía, na rúa Oporto, nº1.