DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con degustacións de polbo á feira e porco ao espeto e música tradicional

A ETSE de Telecomunicación festexa ao seu patrón cunha romaría tradicional

O catedrático Bernardo Adeva ofreceu un relatorio sobre o acelerador de partículas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 06/11/2008

Con polbo á feira, porco ao espeto, gaitas e procesión, o San Teleco 2008 converteuse nunha popular romaría á que se achegaron centos de fieis e tamén a chuvia que, sen embargo, non impediu a celebración dunha gran festa para os universitarios. Como estaba previsto e, aínda que non faltaron os que optaron por celebrar a súa propia festa na Praza Miralles, varios centos de mozos e mozas déronse cita no aparcadoiro da ETSE de Telecomunicación para festexar o día grande do seu patrón no que non faltaron a música, a gastronomía e diferentes actividades que se prolongaron ata media tarde. A xornada que este ano apostou por unha volta ás orixes da celebración, foi avaliada desde a Delegación de Alumnos por Vicente Vázquez como " unha gran xornada de convivencia para os universitarios e moi especialmente para os telecos que comprenderon perfectamente o que se pretendeu con este cambio polo que optamos este ano".
As actividades comezaron no salón de graos cun relatorio sobre o acelerador de partículas LHC impartido polo catedrático Bernardo Adeva da USC. De seguido, entregáronselles os premios aos gañadores nas diferentes competicións que se celebraron durante a Semana Cultural, na que se incluiron novidades como a proxección de cine e documentais, o clube da comedia, teatro, concertos e unha iniciativa de doazón de sangue, en colaboración co Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, na que participaron máis de 200 persoas.

Relatorio sobre o LHC para abrir boca

O catedrático Bernardo Adeva, da USC, foi o encargado de inaugurar a xornada de festexos ofrecendo unha conferencia sobre o LHC (Large Hadron Collider). Baixo o título Á procura do Universo Cuántico: o proxecto Large Hadron Collider do CERN, Adeva explicou, ante un repleto auditorio,o funcionamento, os antecedentes e as perspectivas de futuro deste acelerador de partículas ubicado na Organización Europea para a Investigación Nuclear, na fronteira franco-suiza. Como explicou “o LHC é un proxecto de física deseñado para a colisión de protóns de 7 TeV de enerxía, xa que a existencia de masas para os quarks nunha teoría de unificación electro-débil só pode entenderse se existen novos bosóns”.
Un acelerador, detectores, ordenadores potentes e un gran grupo humano son os catro elementos que require o LHC. Máis de 2000 físicos, centos de universidades e laboratorios participaron na súa construción, intentando convertelo no acelerador de partículas máis grande e enerxético do mundo. Dentro deste proxecto estanse a desenvolver de xeito paralelo catro experimentos: ATLAS, CMS, ALICE e LHCb. Cando todo isto funcione a pleno rendemento poderase observar tres cuestións importantes como son “a existencia de partículas supersimétricas, de novos bosóns Z e a partícula coñecida como bosón de Higgs do Modelo estándar da física”, declaraba Adeva. Polo de agora, o pasado 10 de setembro produciuse o primeiro intento de facer circular un haz de protóns sobre 27 km, pero aínda non se fixo posible a colisión. Nestes momentos, debido a un incidente producido pola elevación da corrente cunha consecuente perda de helio líquido, o experimento permanece parado temporalmente. A súa reanudación está prevista para a primavera de 2009.

Viva San Teleco!

O Meco, que nesta edición do San Teleco volvíase recuperar, fíxose esperar, pero finalmente, ante a ovación de todos os estudantes alí presentes, saíu en procesión levado ás costas de catro mozos que o pasearon polas inmediacións do centro. Jesús Vázquez Carrera, máis coñecido como Cuchi, foi nesta edición o encargado de dar o pregón. Como era de esperar dun cómico monologuista, o discurso centrouse nunha temática satírica activando máis aínda o ánimo e xúbilo dos protagonistas do festexo. Co berro “Viva San Teleco!”, Cuchi puxo punto e seguido ao San Teleco.
No xantar os asistentes puideron degustar distintos pratos tradicionais. Polbo á feira, empanada de atún e carne e porco asado, chegado dende a poboación portuguesa de Barcelos, en ración e bocadillo, compoñían o menú. A agrupación folclórica A Requinta da Laxeira, de San Miguel de Sarandón de Vedra, encargouse de amenizar a comida e a sobremesa.
Desde ás 18.00 horas e ata o peche da xornada, a festa trasládase á Sala A! de Vigo coa posta en escena do hip-hop local da man de AID, 040 e El Puto Coke entre outros e os concertos dos grupos El Cubo, The Mirage e Dakidarría.