DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dúas alumnas de Ciencias Empresariais e Turismo conseguen as bolsas de apadriñamento con empresas

Eu ao Grupo Cuevas, ti a Caldaria Termal

Entre outros beneficios realizarán prácticas nas súas instalacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 09/04/2013
O pasado mes de outubro a Universidade de Vigo puxo en marcha convenios de colaboración con varias empresas da contorna para que cada unha delas “apadriñase” a un estudante de último curso da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Rematada a convocatoria e o proceso de selección, o Grupo Cuevas apadriñará á estudante do grao de Administración e Dirección de Empresas Fernanda Victoria Martínez e o Grupo Caldaria Termal fará o mesmo coa alumna do grao de Turismo Cristina Rodríguez.

“A bolsa de apadriñamento é unha iniciativa que pretende facilitar ao estudantado o contacto coa realidade empresarial desde unha etapa temperá”, destaca Elisa Alén, decana en funcións da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. No rol de padriño, cada empresa acollerá á súa alumna para a realización de practicas, de arredor de 300 horas, e motivará que o seu traballo fin de grao teña relación coa actividade da empresa. As elixidas tamén recibirán o importe equivalente á matrícula do curso 2012/13. Por último, cada empresa prestará axuda á súa estudante na resolución de dúbidas relacionadas coa profesión e co futuro laboral e daralle apoio práctico á teoría que recibe nas aulas universitarias. En todo caso, explican os promotores da iniciativa, a importancia desta acción non é o seu montante económico senón o cambio de cultura que supón para as relacións entre a Universidade e a contorna.

Con moita ilusión e expectativas

A selección destas alumnas fíxose en dúas etapas. En primeiro lugar, o centro seleccionou entre o alumnado que se presentou á convocatoria os mellores expedientes. Estes estudantes pasaron logo unha entrevista da empresa á que optaban, que neste caso foron o Grupo Cuevas e o Grupo Caldaria Termal. A empresa Modera Media, que tamén participa nesta iniciativa, terá que agardar ao vindeiro ano para apadriñar a un estudante do grao de Consultaría e Xestión da Información, xa que ata entón non rematará os seus estudos a primeira promoción desta titulación.

As dúas elixidas recibiron esta semana a nova con moita ilusión e expectativas. Desexando xa incorporarse ás empresas para a realización de prácticas, que comezarán a finais de mes previsiblemente, a súa elección é para elas un broche de ouro a este curso académico e aos seus estudos, pois en ambos casos son estudantes de último curso da súa titulación. “Na entrevista había compañeiros con máis experiencia ou con máis currículo e por este motivo foi un sorpresa moi grata que me escolleran a min. É unha oportunidade fantástica que vou a intentar aproveitar ao máximo”, explica Fernanda Victoria Martínez, que se incorporará ao Grupo Cuevas para facer prácticas na área de distribución a maioristas e a minoristas. "Eu xa realicei prácticas noutras ocasións e estou moi contenta de que me elixiran, moi contenta e á expectativa de saber como vai ir todo", engade Cristina Rodríguez.

Pola súa banda, as empresas participantes na iniciativa apadriñan estas alumnas como parte da súa aposta pola colaboración entre a Universidade e o sector privado, considerando esta relación como beneficiosa para ambas partes e para a sociedade en xeral. Tanto no caso do Grupo Cuevas coma no de Caldaria Termal esta filosofía empresarial tradúcese na posta en marcha nos últimos anos de diferentes liñas de colaboración no eido académico e investigador co campus de Ourense.