DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense rendeu homenaxe este mércores a Rosalía de Castro

Eu cantar, cantar, cantei... á dignidade da muller e do pobo galego

No marco da programación co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/10/2013

No seu compromiso coa igualdade, o campus de Ourense argallou durante este cuadrimestre toda un programa de actividades arredor da celebración o 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Entre elas, e coincidindo coa implicación da Universidade de Vigo na conmemoración este ano do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, este mércores tivo lugar unha emotiva homenaxe a Rosalía de Castro. Dende agora, a Biblioteca central ourensá pasará a levar o seu nome como un tributo á insigne escritora galega. “Que mellor nome para este centro e para o seu futuro que o de Rosalía de Castro, unha muller que tanto significou e significa para Galicia e para a cultura e a lingua galegas”, destacou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo. En contra de prexuízos, destacaron no acto, a autora foi unha persoa que destacou por defender a independencia, a liberdade, a igualdade e a dignidade do pobo galego pero tamén da muller.

O acto, ao que asistiron numerosos membros da comunidade universitaria e autoridades da cidade, contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo; de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; de Gerardo Marraud, director da Biblioteca da Universidade de Vigo, e de Anxo Angueira, docente da Universidade e presidente da Fundación Rosalía de Castro. “Rosalía desafiou o status quo dominante e empoderouse a través da palabra. Ogallá o seu espíritu inunde este espazo e sexa exemplo para todos e todas”, destacou María Lameiras durante a homenaxe. “As cousas que se nomean collen forza e esperamos que así aconteza nesta biblioteca que a partir de agora leva o seu nome. Ao igual que Rosalía era moito máis que unha escritora, hoxe en día as bibliotecas son moito máis que libros”, recalcou Gerardo Marraud augurando un bo futuro para este centro.

Feminista e intelectual

Trala descuberta da placa e a inauguración oficial da homenaxe a voz de Rosalía de Castro fíxose oír a través de dúas voces e estilos moi diferentes que deixaron patente a contemporaneidade e a forza da obra da autora galega. Anxo Angueira, foi o encargado de ofrecer aos asistentes unha apaixonada revisión dos valores que a escritora volcou na súa obra e que hoxe a fan merecedora tamén desta, salientou, primeira homenaxe que se fai en Ourense a Rosalía de Castro cando se conmemora o 150 aniversario da súa obra insigne. A poetisa, apuntou o docente, “non era unha escritora choromiqueira e de lareira” era, subliñou, “unha intelectual do seu tempo e incluso avanzada a el. O seu pouso, a súa idea, o seu pensamento, eran críticos”.

Segundo recalcou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, esta autora segue sendo hoxe en día emblema de Galicia porque os valores que ela defendía, como son a liberdade, a igualdade e a independencia, son valores aínda vixentes na sociedade galega. Entre eles, o docente da Universidade de Vigo defendeu o feminismo de Rosalía de Castro, recollendo as súas verbas escritas con tan só 21 anos, en 1958, nas que falaba de como o patrimonio das mulleres eran os grilos da escravitude pero que sen embargo ela era libre, texto que na súa opinión constitúe “o primeiro manifesto feminista da cultura occidental”. Tamén, lembrou Angueira, na obra da escritora se recoñece ás mulleres como “o soporte da nación cando eles se van a emigrar”.

Peche a ritmo de rap

Para pechar esta homenaxe, a rapeira AID, alumna da Universidade de Vigo, ofreceu unha actuación con poemas da homenaxeada, actuación na que deixou patente o seu gusto por facer adaptacións de versos clásicos da cultura galega a novos estilos musicais, tal e como recolle no seu libro disco Rapoemas. Como salientou Inmaculada Valeije na súa prestación, “facer rap non deixa de ser un modo de facer poesía contemporánea”, e as verbas de Rosalía cantados por esta estudante universitaria puxeron o broche de ouro a unha emotiva homenaxe que o campus de Ourense quixo render á escritora máis insigne que ten Galicia.

Durante o acto celebrado este mércores na Biblioteca central do campus, agora Biblioteca Rosalía de Castro, tamén se deu a coñecer un exemplar único da primeira edición de Cantares Gallegos. Os asistentes ao acto tiveron o privilexio de, por un día, ver de primeira man esta peza tan valiosa para a literatura galega. Para completar o tributo, proximamente instalarase na entrada do centro unha peza do escultor galego Manolo Buciños, que por motivos de saúde do creador non se puido incoporar neste acto.