DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Botará a andar o vindeiro curso con 120 prazas e unha orientación moi práctica

A EU de Empresariais volve aos seus inicios e lanza un Grao en Comercio exclusivo en Galicia

O director da escola salienta as boas expectativas laborais para os futuros graduados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/06/2010

Resultado da transformación da diplomatura, a EU de Estudos Empresariais presentou este xoves a súa proposta de futuro, o Grao en Comercio, unha titulación que ostentará en exclusiva en Galicia e que suporá para o centro un regreso ás súas raíces históricas, pois, tal como lembrou o director da escola, Patricio Sánchez Bello, “este centro foi desde os anos 20 ata principios dos 70 Escola de Comercio e referente en Galicia neste tipo de formación”.
Como principal atractivo da nova titulación, Sánchez Bello fixo referencia as boas expectativas que se debuxan para os futuros titulados, de quen destacou que serán “empregados e directivos a moi distinto nivel dadas a amplitude de características do seu perfil”, ao que engadiu a mención aos resultados dun estudo recente elaborado por Infoempleo no que se destaca que o 70% das ofertas laborais están relacionadas co campo comercial.

Forte peso para a informática, os idiomas e as prácticas en empresa

Con 240 créditos ECTS e un límite de prazas de 120 alumnos e alumnas para o primeiro curso, o equipo directivo da escola manifestouse convencido de que “o éxito está garantido”, e subliñou como exemplo o caso da Universidade Complutense de Madrid, onde a titulación se iniciou no actual curso académico con 450 estudantes matriculados.
Cunha orientación eminentemente práctica, o director da escola destacou tamén a importante presenza dentro do programa da titulación dos idiomas, a informática e as prácticas en empresa “un referente na escola ao que non queriamos renunciar”, subliñou, ao tempo que lembrou, a importante rede de empresas coas que colabora habitualmente a escola. “Non hai que esquecerse que estas prácticas supoñen a primeira toma de contacto do alumnado coa realidade empresarial e non son poucos os casos de estudantes que, unha vez rematadas as prácticas, son contratados”, apuntou Consuelo Curras, subdirectora de Relacións Exteriores da escola.
O novo grao nace co obxectivo de formar a profesionais capacitados para desempeñar labores propios do departamento comercial e demais departamentos da organización, con coñecementos de planificación e xestión comercial, dirección de equipos e vendas, investigación de mercados e contratación laboral, entre outros. Para isto deseñouse un programa de materias que, divididas en catro cursos, abarca ámbitos tan dispares como contabilidade, finanzas, dereito, recursos humanos, economía... “un perfil polivante que poderán completar co Posgrao en Comercio Internacional”, salientou Sánchez Bello, que lembrou que estes días finaliza a súa segunda edición “clausurarase o martes coa presenza do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, como padriño desta promoción”, puntualizou.
En relación tamén a continuidade e especialización que outorga este mestrado ao grao, a subdirectora da escola fixo fincapé no notable éxito que está tendo esta proposta “de feito este curso a demanda superou o número de prazas que ofertamos e quedou xente fóra”.

Convalidacións para o alumnado dos ciclos superiores de FP

Se por un lado pensaron na especialización, polo outro, o grao tampouco deixa de lado ao alumnado que chega dos ciclos superiores de Formación Profesional (Administración e Finanzas, Comercio Internacional, Xestión Comercial e Marketing, e Secretariado) que poderán convalidar diferentes materias, tanto básicas como obrigatorias e optativas, “facilitándolles así o camiño para que tamén eles poidan acceder a estes estudos”.
A presentación da nova titulación, na que se apuntou tamén a posibilidade dun futuro cambio de nome do centro por Escola de Comercio, contou coa participación da exdirectora Pilar López, que foi a profesora encargada de elaborar a memoria do novo grao, se ben destacou a forte implicación de todo o profesorado do centro, “participamos todos e sempre tivemos claro que o novo grao tiña que seguir mantendo esa visión práctica que xa tiña a diplomatura”. A exdirectora aproveitou tamén a ocasión para lembrar a forte vinculación que sempre tivo o centro coa sociedade viguesa e co sector empresarial.