DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Ojea publica un caderno destinado a que os nenos con autismo comprendan as emocións

Eu estou alegre cando... xogo coa pelota

A artista Andrea Valado foi a encargada de elaborar os pictogramas do libro

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 08/01/2013

En 2010 o catedrático do campus de Ourense Manuel Ojea editou un libro destinado a que familiares e docentes de nenos e nenas con autismo puidesen traballar con eles as emocións, un dos seus grandes cabalos de batalla. Agora, esgotada a súa primeira edición, o psicopedagogo ourensán vén de publicar unha nova edición da obra pero destinada nesta ocasión a que os propios rapaces empreguen o libro como caderno de traballo. A artista Andrea Valado foi a encargada de elaborar os pictogramas que ilustran a obra e que pretenden axudar a estes menores a entender que o que ven na faciana dunha persoa ou o que eles sinten é tristeza ou ledicia.

“A publicación Autismo: comprender as emocións é unha reestruturación total do anterior libro Emocións en nenos e nenas autistas. Programa de desenvolvemento da compresión social. Adaptamos o seu contido para convertelo nun caderno para o alumno e non só de uso para familiares e docentes”, explica Manuel Ojea. Para facer esta adaptación, as ilustracións de recurso empregadas anteriormente foron substituídas por unhas orixinais creadas pola artista Andrea Valado en coordinación co propio autor da obra. Deste xeito, e co obxectivo de facer máis atractivas as páxinas para os nenos e nenas, os pictogramas pasaron a ser orixinais, a estar deseñados en cor e a ocupar a meirande parte do espazo do libro.

Manuel Ojea, destaca Andrea Valado, “explicoume como quería reflectir as emocións, dunha maneira sinxela pero á vez rechamante. Estes obxectivos traducinos en facianas e expresións entendibles en todos os ámbitos, achegándome á cultura do emoticono. Durante toda a publicación intentei manter un mesmo perfil de sinxeleza e colorismo, aínda que as emocións variasen da felicidade á tristeza”, subliña Valado, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo.

Sete pasos de aprendizaxe

Segundo explica o autor do libro, a obra, ao igual que a súa antecesora, preséntase estruturada en sete fases sucesivas de aprendizaxe, “de maneira que os nenos e as nenas con autismo poidan comprender as emocións en si mesmos e nos demais a través dun proceso de imitación e de organización cognitiva da comprensión das emocións”. Estas fases son o recoñecemento das expresións faciais, a súa aprendizaxe por imitación e a análise das súas partes; a construción xestáltica das emocións, a través da súa relación con obxectos ou situacións representativas da vida diaria; a identificación de emociones baseadas en crenzas e en situaciones e, finalmente, a aplicación, discriminación e xeralización das emocións.

Os materiais están especialmente dirixidos a persoas cun nivel alto de autismo, que amosan importantes alteracións na percepción do significado das expresións emocionais. Sen embargo, apunta Ojea, tamén poden ser empregados por nenos con menores dificultades, que poden empezar o programa no paso tres, no que se inicia o proceso de construción de emocións e de coñecemento global delas.

Cunha tirada de preto de 4000 exemplares, a obra está editada por Phylicom e distrubuirase en librarías tanto de España coma de Iberoamérica, dada a demanda de materiais pedagóxicos para este colectivo e a súa escasa oferta. “O noso obxectivo foi realizar un material de utilidade tanto no contexto familiar, onde as persoas que traballan cos nenos non teñen unha formación especializada, coma no contexto escolar e de centros como gabinetes psicopedagóxicos e similares. Pero sobre todo, co novo formato quixemos acadar unha implicación directa do alumno no programa”, advirte Manuel Ojea.