DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello Galego de Universidades aprobou este martes o cambio de denominación

A EU de Estudos Empresariais transfórmase en Facultade de Comercio

O centro levaba máis de dez anos pelexando por acadar unha mudanza “merecida” e “necesaria”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/02/2022

Tras un 2021 metidos de cheo na celebración do seu centenario, a EU de Estudos Empresarias acaba de recibir unha das novas máis agardadas no centro: o Consello Galego de Universidades informou favorablemente sobre a súa transformación en Facultade de Comercio. “O cambio de denominación era unha débeda histórica, algo que levabamos pelexando xa dende o 2010”, explica a directora, Consuelo Currás, quen fai fincapé en que hai xa anos que as escolas universitarias deixaron de existir, polo que este cambio non só é “merecido”, senón tamén “necesario” para adaptar a denominación á nova realidade da universidade española. 

O cambio de escola a facultade pasara xa pola Xunta de Centro, onde fora aprobado sen ningún voto en contra, por Claustro e Consello de Goberno, e estaba pendente do visto e prace do Consello Galego de Universidades. Queda agora pendente a súa aprobación no Consello da Xunta e o seu envío a Madrid para a súa aprobación definitiva. “No funcionamento normal da escola/facultade non haberá cambios substanciais, seguiremos a facer o mesmo que vimos facendo desde que estamos aquí, traballar por seguir consolidando todas as titulacións, mellorando se é necesario e posible, e tratando de adaptarnos ás necesidades que a propia sociedade nos vai formulando”, recalca a directora.  

Dous grandes retos de futuro: captación de alumnado e consolidación da oferta formativa

Na actualidade na EU de Estudos Empresariais impártese tres titulacións: o Grao en Comercio, exclusivo no Sistema Universitario Galego, e os mestrados de Comercio Internacional e Dirección de Pemes. En total hai matriculados máis de 350 estudantes de grao e 100 de mestrado, aos que hai que sumar os máis de 200 alumnos e alumnas do Programa Universitario de Maiores quen, deste este curso, teñen na escola a súa sede central. O gran reto de futuro pasa, segundo a visión da súa directora, por dous grandes ámbitos: captación de alumnado e mellora constante da oferta formativa.

 “Todos os centros temos que facer un labor de captación importante e, para iso, penso que o máis relevante é que ofrezamos titulacións atractivas, tanto de grao como de mestrado e incluíndo incluso as futuras titulacións que poidamos chegar a ter”, explica a responsable da escola, ao tempo que destaca que a marca ‘Empresariais’ sempre estivo moi consolidada en Vigo, pero no 2010, co cambio de denominación a Grao de Comercio, “houbo e segue habendo que facer un labor didáctico considerable, xa que había un descoñecemento tremendo por parte dos futuros alumnos e alumnas e, incluso, entre os propios equipos de orientación dos institutos, sobre os contidos desta titulación”.

No relativo á oferta formativa, son tamén conscientes de que a máis longo prazo será necesario ampliala e, neste senso, indican que tratarán de loitar por algún curso de especialización ou incluso algún máster. “É algo que se irá valorando, dependendo das necesidades do ‘mercado’”, indica Currás, quen  amosou tamén a súa satisfacción polos excelentes resultados que están a acadar as titulacións do centro nas enquisas de satisfacción que se realizan entre o alumnado.

Segue unha historia de máis de 100 anos 

Con máis de 100 anos de historia ás súas costas, a outrora Escola Pericial de Comercio, Escola Universitaria de Estudos Empresariais despois, e, agora, Facultade de Comercio, leva formado nas súas aulas a máis de 20.000 alumnas e alumnos, moitos dos cales se converteron co tempo en destacados profesionais do tecido empresarial e industrial, tanto galego como nacional. Embrión, xunto coa súa veciña escola de Enxeñería Industrial, da actual Universidade de Vigo, o centro caracterizouse sempre “pola loita constante e a mellora continua”, tal e como subliñaba o reitor, Manuel Reigosa, en xaneiro de 2021 no arranque das celebracións do seu centenario, unha intervención na que tamén destacaba que esa mudanza continua lle permite á escola “mirar ao pasado con satisfacción e ao futuro con ilusión”.

A creación no curso 1920/1921 da Escola Pericial, a súa posterior transformación en Escola Profesional de Comercio e a integración no sistema universitario coa Escola Universitaria de Estudos Empresariais ; a implantación de titulacións como a Diplomatura en Ciencias Empresarias , o Grao en Comercio e os mestrados de Comercio Internacional e de Dirección de PEMES, son algún dos fitos máis destacados na historia do centro, tal e como se destacou desde a dirección no inicio das celebracións do centenario. A listaxe de aspectos claves do ADN da escola complétase, a xuízo das súas responsables, con cuestións como a forte vocación internacional da formación, incluíndo a existencia de acordos para a obtención de dobres titulacións internacionais, as visitas a empresas e a integración das TIC como ferramentas esenciais na xestión.