DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EU de Fisioterapia recibe unha mención especial pola implantación do título de grao

É un recoñedemento do Consello Xeral de Colexios de Fisioterapeutas de España

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 01/12/2009

A Escola Universitaria de Fisioterapia da Universidade de Vigo recibiu unha mención especial do comité executivo do Consello Xeral de Colexios de Fisioterapeutas de España con motivo da implantación do plan de estudos do título de grao, adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Foi o director da escola, Manuel Gutiérrez Nieto, o encargado de recoller esta distinción no acto de entrega que tivo lugar en Madrid.

Recoñecemento dunha reivindicación de moitos anos

Gutiérrez manifestou a súa satisfacción ante esta mención que, na súa opinión, “recoñece a consecución dunha reivindicación de moitos anos e unánime entre todos os profesionais da fisioterapia”. Desde o ano 1981 Fisioterapia constituía unha diplomatura independente de Enfermería, pero o colectivo de profesionais sempre considerou que tres anos non abondaban e solicitou unha ampliación da duración da titulación ao nivel no que se estaba impartindo no resto de Europa. “Coa implantación do grao cumpriuse esa demanda”, afirma Gutiérrez Nieto, quen engade que “estar coas miras postas no EEES, non significa só aplicar determinadas metodoloxías, senón tamén establecer un vínculo directo coa realidade, para que os estudos se adecúen ás necesidades do mercado laboral, e a ampliación da duración da carreira estaba dentro desas necesidades”. O Consello Xeral agrupa a todos os colexios de fisioterapeutas de España e decidiu outorgarlle esta mención especial a todas as universidades que implantaron o título de grao en Fisioterapia no curso vixente, algo que se valorou como “un fito histórico para a Fisioterapia en tódolos seus ámbitos: docencia, investigación, xestión e asistencia”.