DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José María Pousada deixa a dirección da ETSET tras seis anos no cargo

“Eu vivín para a dirección da escola, fun director durante as 24 horas”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/02/2009
Era dos que xuraba que unha vez rematada a universidade non volvería pisar as aulas e, e nun par de anos, celebrará o seu vinte aniversario coma docente na ETSE de Telecomunicación, os seis últimos coma director do centro, cargo que abandonará o vindeiro 1 de marzo. José María Pousada (Marín, 1960) fai balance no Duvi da súa etapa como director e debuxa o panorama que se lle presenta a escola para os vindeiros anos, onde o principal reto será, coma no resto das enxeñarías, sacar adíante as novas titulacións e implantar as reformas que propón o Plan Boloña.
A escola que dirixe botou a andar no curso 85/86 da man do catedrático Anibal Figueiras, nun intre no que as empresas se pelexaban polos enxeñeiros en telecomunicación. Dende entón pasaron polo seu cargo o ex-reitor, Domingo Docampo, ou profesores coma Pepe Santos e Antonio Pena. Na rúa hai xa máis de 2200 titulados que saíron das súas aulas.

Hai cousas que parece que non cambian cos anos e, en plena crise, a escola presentou os resultados dunha enquisa que reflectía unha taxa de ocupación do 96,14 %.
Sí, é unha garantía de empregabilidade extraordinaria. Os datos reflectiron unha profesión na que practicamente non hai paro e tampouco diferenzas salariais entre homes e mulleres.

Cando vostede rematou a titulación tamén tiña un amplo abano de posibilidades as que dedicarse. Por que elixiu a docencia?
Xamais pensara nesta posibilidade, ao contrario, era dos que dicía que unha vez rematada a titulación non volvería pisar unha aula. Pero unha vez finalizada tiña pendente facer as milicias e remateinas facendo na Armada, onde tiven a oportunidade de traballar coma enxeñeiro de telecomunicación en diferentes proxectos. Alí estiven cinco anos e alcancei o grado de alfere de navío, o equivalente a tenente. Foi unha época na que aprendín moito pero a min sempre me tirou volver a Galicia, polo que cando xurdiu esta oportunidade, esquecinme das miñas promesas de estudante e non o dubidei.

Chegou a dirección da ETSET no 2003. Como foi a experiencia destes anos?
Eu vivín para a dirección da escola, fun director durante as 24 horas. Levaba xa dous anos de subdirector no equipo de Antonio Pena e cheguei ao cargo cun 80% de apoio. Para min estes anos foron unha experiencia agotadora pero moi positiva, polo menos eu estou moi contento e moi satisfeito. Creo que fixen moitas cousas, nalgunhas acertei e noutras non, pero o importante é que se fixeron cousas.

Cales considera que foron os principais logros conseguidos?
As accións máis importantes non son mérito meu, senón de toda a xunta de escola. Nada máis coller o cargo arrancamos as dúas titulacións de enxeñaría técnica. Despois ampliamos a escola e houbo que controlar todo o proceso de construción do novo edificio. Foi unha mellora substancial que me tocou vivir a min no meu mandato e, este mesmo curso, fixemos unha reforma importante da parte vella da escola, non me deu tempo a rematar estas obras, pero o máis importante está feito. Son accións que coincidiron co meu mandato pero que son mérito de todos, incluído o propio equipo de goberno da Universidade.
Despois hai cousas que entran máis no terreo persoal. Eu entregueime á proxección exterior da escola, e o meu obxectivo foi que o centro estivera presente en todos os eventos nos que podía estar ou que se falase del. A esta tarefa dediquei moitísimas horas.
A isto teño que engadir moitas outras pequenas cousas que fas e das que estás satisfeito. Un exemplo do que me sinto moi fachendoso está relacionado coas prazas de aparcadoiro para diminuídos da escola. Hai uns anos ninguén as respectaba e, ante esta situación e as queixas do colectivo afectado, ocorréuseme fotografar aos coches mal estacionados e proxectar esas imaxes no canon de vídeo da entrada da escola, con mensaxes do tipo, “aquí tamén sabemos aparcar os demais”. Foi unha iniciativa un tanto atolada, pero resolveu o problema, que era o importante.

Vostede tamén se encargou de introducir un Curso Cero para os alumnos de primeiro.
Esta iniciativa, xunto con outras, ven da etapa de Antonio Pena, e que penso que é moi positiva para os alumnos que chegan, pois non se trata de aprenderlles nada novo, senón simplemente de repasar e asentar o que xa saben.
Nesta liña tamén estamos a facer un plan de titorización para axudarlles aos alumnos que acaban de chegar ao centro e, dirixido aos que están a piques de saír, organizamos un ciclo de conferencias, baixo o nome iniciación á práctica profesional, para amosarlles o que hai fóra da escola e polos ao día das diferentes saídas laborais que ofrece a titulación.

Entre tantas iniciativas imaxino que tamén habería proxectos que quedaron no camiño.
Intentei facer un museo das telecomunicacións pero non foi adiante e quedou nunha boa colección de aparatos. Esta idea non é unha prioridade para a institución e entón custa moito seguir adiante con ela. Outra iniciativa da que se fixeron un par de edicións pero que non callou entre o profesorado foi a publicación dun volume anual no que se recollían os proxectos fin de carreira que se leran ese ano na escola. A min parecíame unha boa promoción do centro sobre todo a nivel de empresas pero, finalmente, a iniciativa morreu.

Un tema ao que se tivo que enfrontar todos estes cursos foi o San Teleco.
San Teleco sempre deu problemas e este curso intentamos cambiar un pouco o rumbo deste encontro, unha iniciativa na que estivemos moi apoiados pola Reitoría. En todo caso eu nunca escapei desta cuestión e sempre tentei afrontala da mellor maneira posible. É un tema moi complexo, onde o doado é criticar e o difícil e sentarse nunha mesa, achegar solucións e arriscarte.

Desde o seu punto de vista, cal será o principal reto do novo equipo de dirección.
Sen dúbida sacar adiante as novas titulacións e implantar todas as reformas que pretende Boloña. Estamos á espera de que se aproben as fichas das enxeñarías ou, o que é o mesmo, un documento de mínimos onde se establezan as materias ou competencias que debe conter cada plan de estudos. O problema é que ese documento de “mínimos” aínda non está publicado no BOE e, mentres tanto, non podemos avanzar.
Para comezar no curso 2010-2011 non haberá problemas mentres as fichas se aproben como moi tarde en maio-xuño deste ano. Si se aprobasen máis tarde é posible que as universidades non teñan tempo de completar todo o proceso de elaboración, aprobación e posta en marcha dun plan de estudos para setembro do 2010.

Que pode acontecer coas enxeñarías técnicas.
As profesións van seguir existindo as mesmas e aparecen unhas novas carreiras que son os graduados. No caso das enxeñarías o alumno estuda graduado en “X” para poder exercer unha determinada profesión. De momento aínda non sabemos nada pero podemos imaxinarnos, por exemplo, os que estuden graduado en telemática van a exercer a profesión de enxeñeiro técnico de telecomunicacións, na especialidade de telemática. Sempre vai haber un título para cada profesión.
Os alumnos non teñen que preocuparse por este tema, nin os que están agora facendo a titulación, nin tampouco os que están por vir. Boloña o que pretende é facer unha reforma interna da Universidade, buscando sobre todo que os estudos sexan máis racionais e, neste senso, as notas tamén van ser máis racionais.

A que se refire cando fala de “notas máis racionais”?
Ata agora o profesor pode aprobar ou suspender sen dar ningún tipo de responsabilidades e isto é unha das cousas que vai cambiar. O profesor, por suposto, poderá aprobar ou suspender, pero terá que dicir por que. Eu creo que esta vai a ser unha das cousas máis positivas de Boloña e que máis beneficiará aos alumnos.

Desde o punto de vista da investigación o 2008 foi un ano de importantes proxectos para a escola.
En investigación estamos dentro dos tres mellores centros da Universidade de Vigo. O ano pasado o que tivo máis repercusión foi o picosatélite, pero houbo moitísimos máis. Gradiant arrancou tamén no 2008, non é algo da escola nin moito menos, pero é unha iniciativa importante da que nos sentimos un tanto partícipes.

Foi un proxecto que naceu pola iniciativa de profesores deste centro. Supoño que a relación seguirá sendo importante.
Por suposto, de feito, provisionalmente está na escola, aínda que se trasladará a Citexvi. Máis alá disto supón unha oportunidade moi importante para os profesores e tamén para os alumnos. Gradiant vai a ter a capacidade de liderar proxectos punteiros en investigación e moitos profesores e estudantes van a ter a oportunidade de colaborar aí.

Algún consello para quen o substitúa no cargo.
Nestes momentos a escola está ben dotada en canto a laboratorios e medios, a clave agora son as novas titulacións, onde terá un gran traballo por diante. Dirixir a escola ten intres duros pero tamén é moi gratificante, como todo na vida ten momentos bos e malos. En resumo, o importante é traballar pola escola e, sobre todo, polos alumnos.

Segundo vostede, que cualidades debe ter un bo director de escola.
Eu animaría a presentarse a calquera que lle queira á escola, independentemente das súas cualidades e, se sae elixido, “paciencia e man esquerda”.